Opinión

De noite polo mosteiro

O sábado pasado, mentres os cataláns reflexionaban, eu tiña un plan mellor: fun participar na visita nocturna ao Mosteiro de Celanova. Había dúas quendas, e escollín a das dez e media por ser xa noite pecha. E quedei encantado. Un grupo de actores e actrices afeccionados pero ben ensaiados e con boa posta en escena, fixeron un traballo moi digno. Déronnos uns velóns como de defuntos e fixemos tras deles un percorrido polo mosteiro coas luces apagadas. A combinación de música gregoriana no claustro barroco, explicacións teatralizadas polos protagonistas da historia, desde Ilduara a Curros Enríquez, pasando por vario simpáticos monxes e abades, ata escoitarmos o órgano na igrexa do mosteiro, foi do máis pracenteiro. O público quedou engaiolado e os actores satisfeitos. Van por bo camiño, sen dúbida. E cobizárame a idea de ir ata alá porque asistín a dúas visitas teatralizadas en dous espazos ben distintos e con resultado igualmente satisfactorio. Unha foi na casa museo de Eça de Queirós, sobre o río Douro, nas terras de Amarante. Alí, uns actores profesionais dunha compañía independente fixéronnos a visita da casas e terras daquel Pazo, e introducíronnos ao autor e a súa obra, desde a súa aparencia camponesa de protagonistas das súas novelas. A outra foi cos alumnos do instituto cando visitamos o castelo de Dalkey, no sur de Dublin. Alí un modesto elenco de actores cunha roupas tipo Festa da Istoria –nobres, cociñeiras, arqueiros, soldados, presos, cregos...- relatáronnos a vida cotiá do castelo, facendo un percorrido polas súas salas, torres, capela, patio e mazmorras, e contando e recreando as lendas asociadas a el. Nos tres casos, a duración ao redor dunha hora, o tempo pasou voando e o público encantado.

Porque si, efectivamente, nestes tempos de popularización da cultura, debemos buscar rexistros como o exposto para interesar á xente e facerlle máis lúdico o achegamento aos monumentos, xacementos, casas museo. Non ten comparación que un guía che relate cousas desde a ciencia con que un protagonista imaxinado che conte a historia desde dentro. O primeiro esixe vontade e implicación –tipo ler un libro- e o segundo é algo así, a nivel de esforzo, como ver unha película ou unha obra de teatro. 

Imaxinei naquela tépeda e fermosísima noite de luar celenovesa que un criptoxudeo do XVII me ensinase Ribadavia; que Rodríguez de la Passera, o impresor do Misal Auriense, nos guiase polo Castelo de Monterrei; que un mineiro romano de Laias nos guiase por San Cibrán de Las; que Publio Campanio Gémino, como legado que foi do Imperio na Tábula de Castromao, nos reconstruíse a sinatura do tratado; que Calpurnia Abana Aeboso nos ensinase as Burgas; que o señor do castelo nos falase de Castro Caldelas; que un frade exclaustrado nos contase a historia de Oseira; que Eufrásio, Eusanio, Quinedio, Eatio e Flavioque nos contasen de San Pedro de Rocas, ou que o doutor Alveiros falase en Allariz, e Adrián Solovio en Trasalba... En fin, historia temos farta. Debemos aproveitala. Debemos felicitar aos actores e promotores da iniciativa celanovesa. E que vos medre.

Te puede interesar