Opinión

Non dou visto Telemiño

A verdade é que vexo pouca televisión, e nin falta que me fai. E menos no verán. Pero desa pouca que vexo, a que máis que cobiza é a local. Si. O mundo empeza pola casa, e casa chámase Ourense. Alí, en Telemiño, máis que problemas da inmigración, da violencia do Estado Islámico, da transición en Cuba –todos eles temas moi importantes e de interese- aparecen cousas máis achegadas, máis veciñais, máis suaves. E que queren que lles diga, como as vangardas fuxían da realidade global, cando a primeira guerra mundial, eu, dalgún xeito, tamén trato de fuxir desta terceira da que fala o papa Francisco, repregándome nas cousas máis apegadas. Por iso vexo Telemiño e, en menor medida, Auria. Sae xente que coñezo, tanto nos debates como nas entrevistas pola rúa, en espazos físicos que me son familiares, e falan de cousas que, normalmente, entendo.

Pero non dou visto Telemiño, desde que foi o apagón analóxico e o cambio de frecuencias. E cóntolles a historia que ten a súa miguiña. Emprecemos polo principio.

Téñolles un televisor Philips comprado, coido, en 2010. É dos planos, claro, e grandiño: unhas 40 ou 42 pulgadas. Conéctolle o ordenador, etc. Ou sexa váleme ben e está noviño case do trinque. Ten, como único problema, como todos os planos, que a voz sae por detrás, co que o empatei co aparello de música pola toma de AUX, e así, cando quero oílo ben –que é case nunca- enchufo ambos aparellos e sae o son polos altavoces da parede. Dígolles todo isto para que vexan que me manexo bastante coas conexións, cables, etc. Pero aínda así, pensei que estaba xa eu vello na tecnoloxía e non era quen de sintonizar o televisor. En posición de busca automática, nada, e de tan tan moderno, non tiña forma manual. Total, que fun onde o comprei. Que se non tería sinal suficiente na toma na casa, que se tumba que se taramba. Levei outro aparello e probei, e alí estaba o sinal de Telemiño saíndo polo burato da parede. Logo case me din que eu debía ser medio burro... Así que collín o bicho –se teñen cargado cun televisor de 40 ou 42 pulgadas, saben a que me refiro-, monteino nunha silla con rodíns e leveillo alí, ao comercio, a que mo sintonizasen. Nada. Sorrín satisfeito. Que se tumba, que se taramba. Que se actualización de software, que tal e cal. Total, para casa empuxando na silla. Despois, imprudente de min, chamei de novo ao servizo ofical Philips e din máis voltas que un parvo para, evidentemente, nada útil, só consumo de nervios e tempo.

E por fin, chamei –que é por onde tiña que empezar- ao servizo técnico de Radio de La Torre, en San Francisco (Ourense) –aclároo para que non pensen que a sapiencia lles vén da proximidade ao Silicon Valley- e coméntanme que, efectivamente, hai modelos de Philips e modelos de Samsumg nos que non se ve Telemiño nin Auria porque as frecuencias están demasiado próximas ás doutras emisoras máis potentes, creo que a TVG, e quedan oculto. E dinme, medio sorrindo, que llo notei por teléfono, que seica din os das empresas que están estudando o tema. Pero como a bos entendedores, a few words, ou deixo de ver Telemiño ou cambio de aparello. E a historia é que non me convence a disxuntiva. Un televisor que funciona perfectamente, e novo –cinco anos é novo- non pode ser desprotexido e declarado obsoleto só por cuestión dun cambio de frecuencias non imputable ao usuario. Así que lles vou escribir a ver que opcións me dan. Seguro que rin.

Te puede interesar