Opinión

O terceiro home


Macroxuízo do Alvia. A xustiza tardeira é menos xustiza, claro. Dirimiranse arestora as responsabilidades legais, as tipificacións penais de comportamentos, as indemnizacións ás vítimas -a imposible reparación humana non sabe doutra vía- , mais o acontecido está claro desde os primeiros momentos: Uns ocos nunha seguridade que non estaba á última, por mor de aforrar algo e apurar prazos políticos, fixo que un erro humano evidente e primario se convertese en inmensa traxedia. Son dous os acusados, o que conducía o tren bala mortífera e o que deseñou o cano da arma por onde saía, pero non está o terceiro home. O que non apertou o gatillo, pero si as teclas dun teléfono, e foi a causa última da maldita distracción do condutor. Si. Se non se tivese producido a inoportuna chamada telefónica ao condutor, con toda probabilidade, non se tería despistado. Alguén chama polo teléfono corporativo, instintivamente o condutor colle a chamada. Da outra parte fálalle o interventor, alguén xerarquicamente superior. Pídelle algo que non sei se será persoal ou profesional: que entre, non en Santiago, senón nunha parada posterior, en Pontedeume, por unha determinada vía, máis preto do edificio da estación. O condutor, pon por uns segundo a mente nese lugar, nas vías, no que ten que facer para satisfacer esa petición de alguén que chama, tamén, sen decatarse de onde están. Equivócase o interventor no momento de facer esa chamada, non é consciente do espazo nin o momento no que a fai. E neses segundos, esa conversa relaxada, eses pensamentos proxectados noutro escenario, coa mente triangulando vías, encrucilladas, agullas, comunicacións precisas, fan que el esqueza, o que ten nas mans, que esqueza que está aproximándose a Santiago a 190 por hora. Non ve os sinais. Nin oe os avisos. E vén a traxedia.

Si. O interventor non aparece inculpado. Saberá a fiscalía. Saberán as ducias e ducias de avogados que traspoñen o minifundio galaico ao terreo da reivindicación paliativa e imposible dos corazóns esgazados. Por suposto. Eles saberán. Pero ese despiste do condutor oitenta veces mortífero, prodúcese a esa hora concreta, nese punto concreto, nesas circunstancias concretas de escaseza de medidas técnicas de freado automático, con esa chamada concreta. 

As humanísimas palabras pronunciadas polo condutor no primeiro momento, sen reflexión nin planificación, nin consello sindical ou de avogado, foron “Descarrilé, qué le voy a hacer, qué le voy a hacer”. “Tenía que ir a 80 e iba a 190”. “Soy humano, soy humano”. “Pobres viajeros”. “Espero que no haya muertos porque caerán sobre mi conciencia”. “La he jodido”. “Me quiero morir”. Non sei se o interventor resultou ferido ou non no accidente, nin como se chama. Ben se coidou de pórse fóra do foco desde o primeiro momento. A carga dos avogados e carga social van contra o Ministerio e contra ADIF, únicos, que poden pagar indemnizacións, e responsables últimos de póren aínda máis medidas de seguranza sobre as que había e que resultaron insuficientes para evitar a traxedia. Si. Todo descarga nos dous inculpados cuxa sorte depende arestora da xuíz. O silencio do interventor, supoño, irá acompañado de remorsos que lle provocarán, senón penas de cárcere, si avultadas e horrorosas cicatrices na súa memoria, por ter feito esa chamada imprudente. 

Tampouco pode ser é que non haxa control policial abondo como para que unha persoa exaltada, co corazón roto de dor, poida chegar a agredir a un dos acusados. 

Te puede interesar