Opinión

Parques e cemiterios en Berlín

Falar dos parques de Berlín é abrir a boca. Obviamente o clima axuda e moito, pero máis a tradición e a xestión de urbanismo e natureza. Por iso, con casas que, fóra as áreas modernas e de negocios, como Postdamer Platz, non adoitan pasar dos catro pisos e con parques e bosques públicos por todas partes -volskparks- dá imaxe de cidade tranquila e pousada, feita para ben vivir en interacción cun medio natural privilexiado que o berlinés aprecia, respecta a usa constantemente para o seu lecer. O máis famoso de todos os parques é o Tiergarten, que chega ao pé da Porta de Brandenburgo e Reichstag, atravesa coas súas 950 Ha. o centro da cidade. Para que se fagan unha idea, o Retiro, en Madrid, ten 150. 

Dicíalles parques e bosques porque todos están forestados e hai a tendencia de deixar unha parte “a monte”, para permitir que a bichería natural reviva. Vense esquíos, raposos, mapaches, aguias... pero non aínda xabaríns. Lugares de mercadiños, actuacións, paseos, barbacoas, hai por todos lados. Incluso o aeroporto pechado en 2008, o de Tempelhof, foi convertido en parque e con zonas onde se xuntan por afeccións: patíns, cometas, cans, bicicletas, nenos -hai moito neno-, barbacoas, baile, músicas... e hai amplas zonas reservadas para que os corvos coman alí e non anden escaravellando no lixo das bolsas da cidade, cousa que, de momento, non conseguen, pois seica lles gustan xa máis os restos de salchichas con keptchup que as miñocas. Non me estraña.

No parque de Fiedirchain e noutros varios hai cinemas ao aire libre para o verán, zonas de parque infantil para críos, todos con terra e artiluxios de madeira e cachos de troncos ou grandes pedras para que os nenos xoguen e suban e caian, pois están os pais para miraren por eles. As árbores levan unha plaquiña cun número gravado que un pode “traducir” nunha aplicación para saber idade, clasificación, etc. O rechouchiar dos paxaros é constante neste tempo de inicios de maio.

Voulles sinalar tres parques fóra dos circuítos turísticos frecuentes. O de Treptower, fermoso punto de onde parten barquiños e cunhas ribeiras de bares e terrazas, onde está o máximo exemplo da arquitectura totalitaria. É unha homenaxe aos caídos rusos na batalla de Berlín e lugar onde están enterrados 7.000 dos seus mortos. O espazo monumental mide 10 hectáreas, unha pequena parte do parque. A estatua que o preside, un soldado ruso cunha nena no colo e cunha espada destruíndo una cruz gamada, xunto coa peaña, mide 30 metros de altura. Só a estatua pesa 70 toneladas. E está blindada a súa conservación polos tratados de integración das dúas alemañas. 

Noutro, ao norte, no Humbolthain pódense ver os restos dun bunker. É un dos puntos máis altos da cidade para ter vista de conxunto. Seica só conseguiron derrubar a metade, esparexida para formar parte da cuíña do parque. Os muros que quedan en pé son lugar de práctica de escalada. Piscinas municipais, cando é o tempo.

O parque Ernst Thälmann, dedicado ao fundador do Partido Comunista preso en illamento total polos nazis entre 1933 e 1944, en que o fusilan. Mide o busto do home 12 metros de alto. É zona de skates e pintadas, e moi abandonado.

E os cemiterios? Pois fermosos lugares de paseo, con moita árbore, bancos, algúns de doazóns familiares, bastante coidados... Algúns teñen cafeterías dentro e, incluso, columpios. Por exemplo, o que había diante do noso hotel na Gresiwalder Strasse. Moi curiosos e vivos. Os cemiterios xudeus, con moita lápida rota e case abandonados de todo. Claro. 

Te puede interesar