Opinión

Pedro Olalla e a carta de Belisario a Totila

Pedro Olalla é un grande helenista español que vive desde hai anos en Atenas. Estudoso e namorado dese país, reflexiona nos seus libros sobre o pasado e o presente da vella e da nova Grecia. A súa prosa é coidada e sedutora, como a súa engaiolante palabra que teremos a sorte e oportunidade de escoitar en directo este mércores 13 de xaneiro, ás oito da tarde, no Marcos Valcárcel con motivo da presentación do seu novo libro “Grecia en el aire” (2015 ) e que leva como subtítulo “Herencias y desafíos de la antigua democracia ateniense vistos desde la Atenas actual”, toda unha declaración de intencións desde a súa posición de compromiso e de esquerdas. Eu, que vou con retraso, acabo de ler a súa fermosísima “Historia menor de Grecia, una mirada humanista sobre la agitada historia de los griegos”, que se move entre o microrrelato e os múltiples ensaios históricos curtísimos, cunha excelente e inabarcable amplitude de fontes documentais sobre as que guía ao culto lector interesado que queira turrar dos fíos da historia.

Moitos textos fíixéronme sentir a grandeza épica do mundo clásico, nestes tempos de miserias políticas contemporáneas. Un deles foi a carta que o xeneral bizantino Belisario –responsable da práctica reunificación do imperio romano baixo o poder oriental a mediados do século VI dC.- lle dirixe a Totila, lider ostrogodo a piques de entrar e arrasar a cidade da Roma que Belisario xa non podía defender. Era o ano do noso señor de 546. A fonte directa é unha persoa moi próxima aos acontecementos, Procopio de Cesarea. Pedro Olalla traduciu do grego e eu tradúzolles do castelán. Xa verán que marabilla.

De Belisario a Totila. Saúde. Se quen dá a unha cidade fermosos edificios gaña reputación de sabio e de civilizado, os que causan a súa ruína e destrución pasan á posteridade como homes necios e salvaxes. De cantas cidades se erguen baixo o sol, Roma é tida por todos como a máis grandiosa e relevante. Ela acadou a súa preeminencia non de golpe nin polo xenio dun só home, senón no curso dunha delongada historia na que emperadores e nobres, empregando os seus vastos recursos e reunindo a destros artistas de todos os recunchos do mundo, fixeron pouco a pouco dela o que ti ves agora. Os seus monumentos pertencen á posteridade e toda aldraxe que se cometa contra eles será lembrada, con razón, como unha inmensa inxustiza coas xeracións vindeiras e contra a memoria daqueles que os erixiron. Así pois, pensa ben o que te dispós a facer. De saíres vitorioso desta guerra, se destruíches Roma antes, faríalo para a túa propia perda; se en cambio a conservas, conservarás a túa máis prezada posesión. E se o destino é, finalmente, seres derrotado, de perdoares Roma, o teu rival hache deber gratitude, mentres que se agora a destrúes non habería daquela razón para a clemencia. E lembra, por último, que está en xogo a túa reputación aos ollos do mundo.

Totila seguiu para adiante e non destruiu Roma.

Lía eu este texto e lembrábame de Palmira e dos seus templos dinamitados hoxe polo Daesh coa mesma saña que acontecera séculos antes canto os seguidores de Cirilo mataron a matemática e filósofa Hipatia de Alexandría. Que Belisario trate de facer razoar ao inimigo co que está guerreando e que este lle faga caso, paréceme un exemplo marabilloso para a cultura política de onte, de hoxe e de mañá.

Te puede interesar