Opinión

Peonalizacións posibles

Para repasarmos a historia da peonalización das rúas da cidade non cómpre ser moi vellos, porque a cousa comezou non hai tanto. Era alcalde daquela Veiga Pombo, que o foi, case ininterrompidamente, entre 1987 e 1995. Comezou pola Ponte Romana. Só os de determinada idade lembramos as bolboretas no estómago ao pasar rápidos co coche polo cumio. E seguiu pola rúa do Paseo. Si. Gobernaba Veiga Pombo e Trapote cargaba cunha picaraña e moita miopía política. Despois, Cabezas, alcalde do 95 ao 2007 seguiu o camiño de peonalizacións e parques, e ampliou as zonas libres de coches e case completou os paseos á beira dos ríos. Nuns anos gloriosos de obras e normas, desapareceron os inconvenientes dos vehículos de moitas rúas. Agora as lembranzas dos coches por Lepanto ou Fornos parecen prehistoria. Hoxe un pode ir desde o Xardín do Posío ata o Parque de San Lázaro por terras liberadas. Igual pode facer desde Hernán Cortés ata a Barreira ou Vilar. E xa non se utiliza a Praza Maior como aparcamento de coches da xente que ía aos viños. Tamén se gañaron para o lecer logo outras rúas non antigas, como Doutor Marañón. Si. E na maioría, floreceron os negocios impulsados polos camiñantes. Pero se miramos o plano, vemos que todas as peonalizacións son do Parque de San Lázaro para o sur. E o norte tamén existe. Non todo é cidade vella e as súas praciñas; non todo pode ser historia ou barrios.

A apertura do Centro Comercial Ponte Vella , hai quince anos, transformou a vida e a circulación de coches e paseantes en Ourense. Penso nos milleiros de persoas que se achegan a el cada día e sobre todo as fins de semana e festas. Case todos o fan a pé. Marabillas dunha cidade do noso tamaño. E case todos cruzan pola comercial Samuel Eiján. Si, así é: esta é unha das que cumpría peonalizar. E tería escasas contraindicacións, creo.

Pra empezar, non son tantos os garaxes, e como vemos no Paseo ou Doutor Marañón, é compatible. E a circulación é fácil de arranxar. Cando un pasa en coche por Samuel Eiján debe torcer cara á dereita, Curros Enríquez abaixo, ata, polo menos, o cruce de Celso Emilio. Se os coches non entrasen por Samuel Eiján seguirían rectos por Sáenz Díez e chegaría ao mesmo sitio, o cruce inicial de Celso Emilio. O único inconveniente é dos coches en dobre fila cando esperan aos nenos do Curros Enríquez. Creo que iso sería resoluble eliminando unha ducia de prazas de aparcamento.

As vantaxes para os paseantes, veciños, ociosos serían inmensas. Vexo a rúa cunhas poucas terrazas –poucas eh?- e a xente paseando e vendo escaparates. Incluso comprando nalgún.

Tampouco vería mal peonalizar Cardeal Quevedo. Os coches que queiran baixar pola Habana que suban Celso Emilio un par de rúas máis, e xa está. Cardeal Quevedo que é a prolongación natural da peonil Santo Domingo, ten librarías, hoteis, colexios, cafés, comercios... que non dubido estarían encantados de verse libre da peste automobilística e promover ese espazo público como lugar de encontro, festa e vivencia de cidadáns activos. O dito. Quen dixo imposible? Lémbrense de Trapote. Pénseno ben.

Te puede interesar