Opinión

A bolboretiña do día | Pilas, pilas

O latín tiña dúas palabras idénticas con significado distinto: pila e pila. Unha, co significado de recipiente para conter líquidos (de aí as nosas pías de auga bendita, as pías dos porcos, con perdón, etc. e o pío, que sería o mesmo pero en grande, chamado en castelán, “pilón”.  Da outra pila, -co significacado de columna-  veu a palabra castelá “pilar” e a galega “piar”, sinónimo, máis ou menos, de columna. Os piares da catedral, por exemplo. O topónimo “Os peares” debeu ser  en orixe “os piares” pedras fincadas no río para pasar a pé, o que se chama noutros lugares “poldras” ou “pasadoiros”.  Relacionado con pía, non sentido de montón, “unha pía de leña” estaría o verbo empillar, que sería facer ese montón. Di o dicionario da RAG -e todos - que as pilas son as baterías esas pequeniñas e cilíndricas, que os portugueses chaman “pilhas”. Pero non se lles ocorra ir pedir unhas pilas en Portugal. Así é como lle chaman ao que nunha errata antolóxica, definía o primeiro dicionario da RAG como “órgano xenial masculino”.

Te puede interesar