Opinión

Propostas aos ambientalistas


Unha pena. De existiren en Ourense os chamados “activistas” ou “ambientalistas”, eses que lles deu polos museos -hai unha palabra que lles acae mellor que estas dúas, e que figura na segunda parte do himno galego ao lado de “escuros”-, non terían posibilidade de ciscar pintura por riba das obras de arte ou similar do Museo, porque o Museo está pechado por obras desde hai décadas. Así pois, poderían empezar por mobilizarse para que as acabasen e abrisen o Museo e así poder baleirar a súa soberbia e pedantería por riba do que quixesen. Pero iso sería unha traballeira organizativa e “mola” máis denunciar e ser “prota” da noticia. A efectividade de ensuciar cadros para protexer o medio ambiente é a mesma que se dá entre facer sardiñas en plancha eléctrica en vez de ás brasas para protestar contra os lumes forestais na Amazonía. 

Así pois, como non hai museo, voulles propor algunhas ideas e accións: 

A primeira, para chamar a atención, apañar o lixo que despois de cada día de feira aparece ciscado, espallado, esparexido ou como guste o lector, polas beiras do Barbaña entre a Praza e o Portocarreiro. Ese paseo que a min me gustaría se chamase “de Méndez Ferrín”, agora que el vai maior e como homenaxe a quen alí situou o relato “O Suso”, unha das mellores pezas literarias dos anos sesenta escritas tendo Ourense como pano de fondo. En fin. Esa acción, ben publicitada, podería continuar metidos eles ata as virillas ou illargas no río, recollendo canto non houbese de natural nel. E aínda mais, poderían dicir que traballarían sen parar día e noite ata que lle fixesen caso desde o Concello e forzasen a convivencia de feira e limpeza, cunha norma ben simple: se se lixa, non hai feira, e punto. Pola conta que lles ten, uns feirantes forzarían a outros a que as cousas se fixesen ben. Xa vexo a repercusión mediática: “Os activistas ambientalistas logran que o Concello impoña respecto polo medio no Barbaña”.

E a pintura. Si. Entendo que lles guste o da pintura porque é cousa moi lucida para o pouco que costa. Como a salsa de tomate. Pois aí van as ideas: 

Primeira acción, de noite, sen testemuñas, só con reivindicación posterior en forma de comunicado: collan uns botes grandes de pintura ao xeito, tipo esmalte mate á auga, unhas brochas e pinten, por iso do “compromiso e acción directa”, a Pasarela do Vao, a que comunica as dúas beiras do Miño á altura do Centro Comercial. E de paso, que leven unha cizalla e corten antes os candeados que volven aparecer cada pouco, como moda allea, ridícula e antiecolóxica, pois ese uso indebido ten unha mancha de carbono inútil. E aínda os poden vender nunha chatarrería e sacar algo para a pintura. Ao acabar, laven os pinceis -por iso lles dicía que esmalte á auga- e resérvenos para as accións seguintes, no Ourense vello. Planificación: percorran as súas rúas e pensen en tres equipos: un, os máis militantes e esforzados, limpeza de pedra; outros, os menos hábiles, rodillo para paredes lisas; os do medio, brochas para as portas dos portais e elementos de mobiliario urbano. Sen présas. Nos primeiros paseos, calculen as necesidades de pintura e colores -madeira, paredes-, nos disolventes específicos para pintadas, etc. E nos días sucesivos, actúen. E comunicados ao final. En quince días de acción nocturna, media cidade “maqueada” e estrelas mediáticas. Cómpre, obviamente, un servizo de orde, como había nas “manifas” doutrora, para defender este traballo fronte aos que fan pintadas, aos que deberían atallar dunha forma ou doutra. Incluso, poderían organizar patrullas nocturnas para impedir que se derramase o seu traballo. En fin, non son máis ca ideas. 

Te puede interesar