Opinión

Reflexión sobre las elecciones europeas

Paréceme de marabilla o día de reflexión. E gústame que nel se permita vender bebidas alcoholicas. Pero ampliaría a reflexión a cinco días, libres de megafonías, irrupcións televisivas, insultos cruzados. Cinco días para pensalo. Iso que tamén, por suposto, recortaría polo outro lado. Polo comezo. Os quince días de campaña foron establecidos en épocas nas que información circulaba lenta. Agora, co mundo guasapamente instantaneo, todos estamos cabo do camiño de algo, antes, case, de que suceda. De tanta noticia/árbore non vemos a información/bosque. Entupidos de datos, de opinións, de insultos. Non damos procesado. Hai que limitar a inxesta. Menos días. Unha semana ou dez días. Non me chega conque se omita a expresión “VOTE” e empecen cando lles pete. Trampa. Se as eleccións son o 25 de maio, a campaña empeza o día 10. Antes, déixennos tranquilos. Ademais, como vostedes saben, as campañas non serven para nada. ¿Ou vai vostede decidir o voto polo que lle digan nestes quince días de verbo florido e descosido? Só se vota por percepción longa. Así creo que Raxoi ben puido ter esperado ata o día 9 de maio para dar o nome do Cañete; o día antes e chegaba ben. E, permítanme que un pouco por localismo, non lles fale hoxe nin de Arias Cañete (que ten ao seu favor a simpatía que inspiran Papa Noel ou Chanquete e o ser avogado do Estado) nin de Elena Valenciano (que ten ao seu favor un espírito de sacrifício enorme, pois logo de ter empezado varias carrerias, por dedicación ao partido, non acabou ningunha). Falareilles dos partidos exclusivamente galegos.

A candidata do BNG gústame. Ana Miranda. Políglota. Traballadora. Comprometida. Sorrinte. Guapa e boa xente. O malo son as compañías. Baixo o discutible paraugas de Amaiur, vai o Bloque e un, perdón, refugallo estraño. Como Endecha Astur ou un grupo con nome de aldea “Puyalón de Cuchas”: independentistas aragoneses de ultraesquerda, sen existencia real. En fin. Lembro que os mellores resultados do BNG nas europeas foron en 1999 cando presentaron a Camilo Nogueira e que sacaron daquela 249.079 votos. Por Nogueira e por ter ido sós. Curiosamente depois empezou o baile. En 2004 co PNV; en 2009 con ERC; e agora, 2014, cos herdeiros daquela HB, que ai a historia!, estivo na raíz da ruptura do BNG en 1987, cando expulsaron a un grupo de militantes –os picolinos- polo seu apoio a HB. Esas alianzas exteriores restan votos. Ana Miranda, sen dúbida, tería máis apoios só como galega.

Do resto pouco hai que falar. A CxG puxéronllo fácil. Os de CiU-PNV non tiñan socio en Galicia e valíalles ben un parche pequeno para o seu gran proceso de descosido. Terán, si, máis presenza mediática a cambio de perderen a oportunidade de ir como única candidatura galega. E AGE, con perdón, non conta. Difumínase entre tanto adminículo lapa de IU. Creo que tamén perderon unha oportunidade de seren a “única”. E así pois, todos deberían pór nos carteis os cabezas de lista onde van sumar os seus votos: Jon Juaristi polo BNG; Ramón Tremosa i Bacells por CxG; e Willy Meyer por AGE. Menos mal que ninguén vai con ERC, o candidato apelidase Terricabras.

Te puede interesar