Opinión

'BESOS Y MIRADAS QUE ANTES ME DABAS'

Aínda que a súa dirección non o recoñeza, o BNG rachou. Deste feito somos responsábeis todos os militantes e nomeadamente aqueles que exercemos labores de dirección nalgún momento. Nesta liña, cumpre analizar a conduta dos que se presentaron a si mesmos como a garantía ideolóxica e organizativa do nacionalismo e que desempeñaron, ao longo do tempo, a maioría dos postos internos e institucionais.


A UPG é un partido marxista leninista. A súa función histórica é, polo tanto, detectar as condicións para unha revolución socialista e catalizala para despois dirixir o novo estado. A evidencia empírica amosa que ese escenario non se abesullou en ningún dos momentos da nosa recente historia. A queda do muro afondou o que eu chamaría crise de expectativa, de posibilidade. Como resultado, este partido mergullouse nunha cultura política de auto-supervivencia caracterizada, fundamentalmente, por un paradoxal (para un partido revolucionario) conservadorismo e unha inevitábel burocratización profesional dos seus afiliados. Isto é constatábel se ollamos como as súas análises políticas foron incapaces de albiscar a mudanza no sistema de relacións produtivas e o conseguinte cambio na estrutura, función e imaxinario das clases sociais na nación, na Europa e no planeta. A desaparición do liderado de Beiras e a perda do goberno da Xunta contribuíron a empobrecer as análises políticas, diminuíron o respeto e a horizontalidade na relación co social e desequilibraron os poderes internos. Ante a ausencia de Revolución, a UPG viviu o mundo como aqueles filósofos metafísicos dos que contaba Kant que nunca permitían que a súa aristocrática razón fora desmentida polo plebea experiencia. Por iso a última asemblea do Bloque acentuou o esquerdismo verbal, a verticalidade na elaboración e execución das políticas, o intervencionismo nos movementos sociais e a marxinación interna do discrepante.


No entanto, a miña opinión era que todos os que demandamos mais saber social emancipador tiñamos que ficar unidos no BNG. Primeiro, porque nunca a barbarie obxectivada niso que chamamos capital foi tan esmagadora. Segundo, porque debiamos aceptar, democraticamente, o resultado dunha asemblea que amosaba que unha alternativa interna coherente, responsábel e sostida no tempo podía mudar de vez o BNG. Terceiro, porque si é certo que a xente da UPG practicou un cainismo suicida tamén o é que traballou sempre arreo polo país. É cuarto, porque un simple demócrata debe combater a estigmatización do pensamento comunista.


Recoñezo que esta posición revelouse case marxinal entre os sectores do BNG que traballamos pola súa refundación, e por iso apoio agora o nacemento dun Novo Proxecto Común extramuros do que foi o meu casal 27 anos. Só pido, ao dividirmos o comunal, que o fagamos con valados como os que separan o territorio do país, fermosos e cunha altura que permita enxergar o horizonte e leriar amigabelmente. Teñamos ademais a grandeza das nosas labregas e espetemos neses eidos, ao pé das couvas, roseiras que nos recorden a beleza. E se non podemos, fagamos cando menos como Paulina Rubio: 'Disfracémonos de cordialidad' cando rematan as miradas apaixoadas e os bicos que antes me dabas. Th, th, that´s all folks.

Te puede interesar