Opinión

BNG:REFUNDACIÓN E RESPONSABILIDADE

Confeso ser tan duro de oído como ' A Chichona', aquela muller a quen o neno Blanco Amor escoitaba cantar, confundindo vestais con bestiais, este retrouso de zarzuela: 'Todas las de este coro somos bestiales, somos bestiales'. Como son tamén mais 'bestial' que 'vestal' pido condescendencia se interpretei mal algunhas cuestións.


Andamos os do BNG a preparar a nosa asemblea nacional. Moitos desexamos unha refundación responsábel. Sintetizo: a sociedade galega é a solución e non o problema; hai mais enerxías que nunca para un proxecto nacional de liberdade e igualdade; a igualdade de mulleres e homes é innegociábel; a Autonomía, cativa, feble, é tamén unha panca poderosísima; compre definírmonos un horizonte estratéxico para Galiza; queremos ser a pluralidade transformadora e non a omniscente vangarda; hai moita vida emancipadora alén nós; o espazo para integrármonos na globalidade é Europa; a organización é da militancia, non da burocracia; a xente debe participar nos nosos debates e designación de candidatos; precisamos unha dirección responsábel que asuma as consecuencias do seu traballo.


Estou atento ao que argúen os compañeiros da actual maioría. No seu xornal 'Terra e Tempo' retrucaron á nosa idea central de que o BNG debe abrirse á sociedade coa afirmación de que isto é un imposíbel, pois que esta é una entelequia abstracta composta de grupos e individuos de intereses contrapostos. Coa mema lóxica o presidente provincial do PP de Ourense dixo que ao abriren a porta da casa non vía Galiza senón veciños. A serio. Esta afirmación contradí o sentido común e a evidencia pragmática da fala (por exemplo os mesmos dirixentes din de cote 'as políticas lingüísticas da Xunta agreden á sociedade galega'). Porén o máis rechamante é que de negaren a existencia da sociedade negamos tamén a do suxeito da autodeterminación, o pobo, que en democracia só se mostra nesta forma (os nazis negábana e dicían que o pobo existía como comunidade na raza). Sociedade política e soberanía están co-orixinariamente entrelazados nas repúblicas libres. É no seo daquela onde esta se exerce ao través do voto duns cidadás que a constitución considera idealmente iguais con abstracción de clase, sexo, raza... Lenin falaba disto como da grande estafa burguesa e só lexitimaba un poder que emanara dos soviets de traballadores baixo a guía do partido comunista. Nos entendemos, no entanto, que este é o imperativo da liberdade que debería fundar a desexada constitución galega.


Outras obxeccións formuláronse á nosa proposta de decidirmos, nunhas primarias abertas ao pecaminoso mundo, o candidato do BNG á Presidencia da Xunta. Deitouse en contra o mesmo argumento dos ministros de Luís XIV de Francia: non debemos trasladar ao pobo a pesada lousa da nosa responsabilidade (egoísta eu, non rexeitaría compartir a carga). Ademais seica o maligno Doutor Non planea, de dármoslle unha chance tan chévere, invadir o Bloque dende Dereitilandia e elixir como líder a un ultracorpo controlado por il. Non o dubido, pero confiemos todos en que os que foron durante 30 anos o groso da nosa burocracia e cargos políticos teñan experiencia abondo para evitalo e desenvolver, axeitadamente, unha proposta contrastada en lugares tan exóticos como Brasil ou Francia. Th,th,that´s all folks.

Te puede interesar