Opinión

CALDO CON UNTO

Os saqueadores do planeta aplican un programa de explotación sistemático que nos leva, como berraría o Buzz Lightyear, até o inferno e mais alá! Todos os pobos do mundo se mexen contra isto e o galego non é unha excepción. Mantiña e manteño que a sociedade galega ten máis actores e enerxías que nunca para construírmos un proxecto nacional de esquerdas. Nas últimas eleccións, a abstención zoou fortísima na casa do PP. O fracaso colectivo non estivo pois no mundo, senón naquelas persoas que debemos interpretalo.


Bautista Álvarez, presidente da UPG, referente do nacionalismo e persoa que respecto fondamente, sintetizou nunha metáfora o xeito de pensar que debemos abandonar de vez e de contado. Antes da última asemblea do Bloque escribía il que esta organización debía realizar unha purga para botar fora aos que non eramos máis que o unto que atuaba as súas arterias e colapsaba os seus músculos. O primeiro que pensei foi que o noso humilde unto merecía máis aprecio, pois sempre converteu o caldo de verzas nunha proverbial delicatessen. Despois recordei os procesos que todas as seitas cristiáns promoveron contra a bruxería. En todos eles aparecía como acusación que meigas e feiticeiras empregaban 'untos' que coas mans ou con paus (por iso se cría que voaban sobre vasoiras) aplicaban nas partes máis sensíbeis e agochadas do corpo para así poder viaxar e ter trato co Grande Enganador. Deste xeito, Igrexa e Estado encanaron, na altura daquela crise medieval sistémica, a ira dos pobos contra un inimigo ubicuo e inexistente que se podía sinalar e, tras da confesión por tormento, queimar na praza pública. Este xigantesco ritual de 'aclaración' do tecido social, verdadeiro holocausto feminino, provocou que polo esgoto da historia escoaran milenios de sabiduría popular e de medicina greca latina. Agora, como entón, cumpre a reentrada dun pensamento racional que investigue, diagnostique e trate as causas do real no canto de procurar o sempiterno chibo expiatorio. Debemos ir, de novo, dende o Santo Tomás que dicía que para a Igrexa era imprescindíbel a existencia e actuación material do Maligno, ao Spínoza que chamou a isto superstición e abriu o carreiro da liberdade.


Hai pouco lin que X.M. Beiras dicía que a causa principal do seu éxito radicaba na creación dunha organización mestiza. Nun meu artigo anterior receitei para o nacionalismo e a esquerda os principios activos da promiscuidade e a impureza. Non como unha panacea salvadora senón como o caldo con unto onde fervellen as análises e aspiracións dunha sociedade galega que, por existir, sustenta a nación. Coido que uns debemos optar pola disolución e renacemento dende a nada. Como as bruxas que impregnadas de herbas máxicas viaxaban iniciáticamente e despois da disolución e morte do eu albiscaban toda a marabilla e complexidade do real. Outros deben fuxir da tentadora soberbia e preguntarse como conciliar a esplendorosa experiencia da nova AGE coa necesidade de auto organización das xentes galegas e o xenérico anti capitalismo programático co imperio da realidade. Quimeras? Máis improbábel é un porco todo freba e sen átomo de lardo. Th, th, that`s all folks.

Te puede interesar