Opinión

COMPROMISO POR UN NOVO PROXECTO COMÚN

Amoderna física subatómica afrontou sempre un dilema irresolúbel, a orixe da masa da materia. Por mor de solucionar o problema, os científicos, no canto de cuestionar os seus modelos, elaboraron teorías a cada vez máis complexas e separadas do comportamento real dos átomos, e esnaquizaron estes en infinidade de fantasmagóricos elementos. Deste xeito, empiristas conspicuos, fornecidos pola industria militar dos USA coa tecnoloxía máis formidábel, remataron por expresarse nunha xíria apropiada só para poetastros nuns xogos florais da nosa festa local, A Bela Auria. O modelo estándar da mecánica cuántica, a cromodinámica, profetiza a existencia de 61 partículas con 18 quarks que clasifica en: 'colores', 'sabores', 'unha estrañeza' e 'un encanto' (unha aperta Heitor). Iso si, despreza algo tan banal como o principio gravitatorio.


Hai pouco, algúns abandonamos o BNG porque pensabamos que os simples e puros principios de mecánica newtoniana dos grandes sólidos non explican unha realidade plural, complexa e cambiante. Do mesmo xeito que unha treboada non é o efecto dunha forza nun punto e tempo determinados, dubidabamos de que a mera acción dunha hipotética clase social exercida no lugar e momento que ditamine o partido-guía asegure que se vaia producir o movemento prognosticado omniscientemente. Agora o problema é que volvemos sorprendernos de que a masa da nación non responda mecanicamente aos nosos desexos e entón nos subdividimos en frontes de liberación de Xudea, onde os integrantes disfrutamos do máximo de sabor, color, estrañeza e encanto a costa de algo tan fútil en política como o principio da realidade.


Quizás a alternativa siga a ser a primixenia idea dunha nova organización que ofreza á nación uns consensos básicos. Que a sociedade galega existe e que no seu seo hai persoas e enerxías abondas para o cambio necesario. Que a prioridade revolucionaria é acadar que a visión dunha Galiza con identidade de seu sexa hexemónica. Que cumpre recrear o asasinado pacto social básico. Que queremos ser parte dunha nova Unión Europea que colabore na construción da verdadeira paz cosmopolita. Que para chegarmos a todo isto precisamos dunha estrutura sen etiquetas baleiras. Unha estrutura de afiliación individual, que se organice horizontalmente dende asembleas locais para a xente, que escolla aos seus dirixentes en listas abertas e que elixa aos seus candidatos en primarias con participación da cidadanía.


Un físico, Prigogine, cheo xa de teorías supersticiosas, estudou estados da materia na que esta se comporta de xeito aparentemente caótico. Descubriu que esta desorde é o xeito que ten a Natureza para potenciar o complexo, a pluralidade, os fluxos de información, a osmose co entorno. Este desequilibrio produce evolución constante e un resultado sorprendente: unha nova orde máis eficiente que a tradicional. Co engadido de que se sitúas esta orde nun mapa de coordenadas deseñarás formas tan fermosas como bolboretas ou, oh sorpresa!, marabillosas espirais. Se cadra a arte debería imitar á natureza de novo para que o nacionalismo volva ser o Estado posíbel para o país, tal e como noutrora dicía X.M. Beiras. Th, th, that´s all folks.

Te puede interesar