Opinión

O DOCTOR MAGNETO E O LEITE GALEGO

Unha guerra soterrada sen prisioneiros é a que se dá, en palabras de Pierre Bourdieau, para conseguir o monopolio do dereito de dicir o Dereito. Quen gaña non só establece que intereses de grupo ou clase deben trunfar senón tamén qué debemos considerar xusto. E todo isto ao abeiro da necesaria neutralidade, certeza e universalidade da linguaxe xurídica. Un exemplo, a loita contra os desafiuzamentos. Fronte ao actual ordenamento ao servizo dos bancos se erguen os que queren derrogar o existente, promulgar unha norma nova e definir o xusto como o dereito material de todas as persoas a unha vivenda digna.


Se vostede lle pide a un estudante ou profesional do dereito que defina o negocio que se dá entre un gandeiro galego e as empresas que lle mercan o leite, calificarao, sen dubidalo, como un contrato de compra venda válido a pesar de que unha exame superficial amose que carece dos seus elementos básicos: causa, vontade libre e prezo pactado, artigos 1.274, 1.269 e 1.449 do Código Civil. O gandeiro non vende a cambio dunha prestación ou remuneración pois cobra 28 céntimos polo que lle costa producir, só en pensos, 36. Hai dolo, vontade viciada, porque as multinacionais organizadas en cartels (asociacións encubertas de empresas) se impoñen como únicas compradoras e practican o dumping (venda con perdas) para rebaixar a mínimos os prezos para o labrego (podemos ver un cartón de leite como reclamo nos andeis do super a 48 céntimos aínda que os custes superen os 60). E, por fin, o prezo depende unicamente do arbitrio dun dos contratantes e se fixa en lugares tan accesíbeis para María ou Xosé como o mercado alimentario de futuros de Chicago. Ante a evidencia, o xurista adoutrinado aducirá que isto é unha simple distorsión e nunca admitirá que nos atopamos ante un mutante, unha nova especie xurídica que, como o Dr. Magneto dos X-Men, afirma a súa vontade de supremacía. O Poder precisa que interioricemos a ficción da igualdade entre as partes para lexitimar que se subvencione as grandes corporacións en beneficio das súas exportacións de derivados lácteos ou que se subsidie á Duquesa de Alba e demais aceituneros altivos do barrio de Salamanca con millóns de euros (entre multinacionais e rendistas chimpan o 85% dos fondos). Namentres, no nome da libre concorrencia, négase a 40.000 familias do rural galego o dereito a un prezo mínimo asegurado da súa produción.


Na loita por un dereito democrático porfía o Sindicato Labrego Galego. A nivel planetario coa defensa da soberanía alimentar: o dereito da xente a produtos sans, sostíbeis e culturalmente variados. No plano europeo, coa súas propostas alternativas de PAC, para que as axudas se dirixan ás explotacións familiares e aos circuítos locais de distribución. No país desvelando como ao Oeste, na Galiza, se paga o leite ao gandeiro a 28céntios e se cruzas a ponte sobre o río Eo, en Asturias, a mesma empresa que abomina das fronteiras paga a 32. E nos, cidadás? O ínclito Tonino Caratone canta, morriñoso, 'mondo dificile, felicita incerta' despois de cagarse en 'il amore' que sempre o abandoa. A saudade é moi linda agás nas cousas de comer. Alistémonos para a batalla do leite. Th,th,that´s all folks.

Te puede interesar