Opinión

O PRESIDENTE FEIJOO BUSCA A JACKS

Téñome referido ao presidente Feijoo como 'O Añorado'. Na tradición portuguesa existe a fantasía de D. Sebastiao, o rei que no século XVI morreu, aló en Marrocos, na batalla de Alcazarquivir e cuxa desaparición significou á chegada ao trono luso dos filipes españois (os que saen en 'Águila Roja'). Os portugueses criaron o mito de que o rei só marchara e que o 'desejado' volvería para instaurar o quinto imperio da paz e a prosperidade. Eu tamén quería crer que a ausencia do noso presidente do Goberno da nación que o escolleu era mera táctica para que nos decataramos de que unha Galiza paralizada precisaba dun goberno de seu, forte e activo (dicía Pessoa en 'Mensagem' cando pregaba a volta do ausente: 'Nao ha en Portugal nem rei, nem lei, nem paz, nem guerra').


Esoutro día ao ler un dos titulares deste periódico pensei, os tempos son chegados. O noso presidente manifestara no Parlamento: si Galicia non estivera en España estaría moito mellor. Como sei que 'O Añorado' non padece de delirios soberanistas, interpretei que por fin o presidente volvía das lonxiquas illas madrileñas nas que se refuxiara para encabezar un proxecto socio político galego sólido e autónomo. Ávido lin o resto da información para coñecer o contido do seu programa e entón abandonei toda esperanza. Non atopei unha proposta estratéxica para o país e esa contundente proclama non era senón a enésima escusa dun gobernante que incrementou a débeda pública nun 76% namentres suprimía servizos públicos, que ten a 274.000 cidadáns no paro e que observou impasíbel como o noso PIB minguaba máis que o español. E todo isto, segundo il, coa única causa da herdanza daquel bipartito que, como os mortífagos de Harry Potter, se alimentaba do espírito de Galiza.


A axenda do presidente segue a ser a dos importantísimos almorzos informativos das axencias e clubs de Madrid. Cuestións secundarias como as relacións económicas galego portuguesas non merecen un segundo da súa reflexión e práctica. Cando entramos na UE as exportacións galegas a Portugal non chegaban aos 200 millóns de euros anuais. A desaparición da raia económica facilitou que estas superen xa os 2.500 millóns e sexan, tras das francesas, as segundas en volume. Que importancia ten para un presidente liberal a actividade empresarial privada do país? Ningunha. Todos sabemos que as infraestruturas físicas e virtuais de conexión da nosa economía coa portuguesa son unha cuestión menor en comparanza cos resultados electorais do PP en Asturias. Que en Estremadura xa estudan portugués 10.000 alumnos fronte aos 600 galegos? Pataca menuda, que diría o outro presidente, o Caneda.


Agora coido que o noso xefe mais que o 'desejado' é o deséxante. Semella a moza souril que, a cabalo dunha moto, busca a Jacks. Feijoo teima nos ministerios, nas oficinas de Xénova, nos salóns dos alcoviteiros da 'villa y corte' en atopar ao Jacks que lle poña cariña de sol e o faga ministro. Debería preguntarse se é bo modelo unha rapaza tan lúcida que nunca se plantexa porque Jacks sempre acaba de marchar cando ela chega. Se cadra, presidente, non che é casualidade e o ao tal cobízalle outra (ou outro). Th,th,that´s all folks.

Te puede interesar