Opinión

VIVA SAN CANUTO!

Moitos falaron das causas do adianto das nosas eleccións pero só os escollidos coñecemos os arcanos da decisión. Alberto I O Añorado recibiu no seu exilio madrileño unha chamada que provocou o que non conseguiran parados, autónomos extintos, mulleres desterradas ao fogar ou pensionistas en liquidación. Era do deputado Collarte, delegado para o Noroeste da Sección Española da Internacional Canutera, organización secreta que agrupa a todos aqueles que serven desinteresadamente á sociedade por 6.000 euros mensuais, máis dietas. Estes damnificados da crise ameazárono cunha folga xeral senón solucionaba de inmediato a súa dramática situación. As alarmas resoaron cando o deputado lle engadiu que a Conferencia Episcopal, ao través de Kikos, Opus e demais templarios do neoliberalismo confesional, organizaría unha manifa de apoio. Tanxencialmente tamén lle comentou que Rouco Varela preparaba, en xusta compensación, unha pastoral para que a grea vulgar non se sentira discriminada. Mulleres e crianzas sairían de novo cos petos do Domund (o negriño, o chinés e o apache) a postular en favor dos inmigrantes sen asistencia sanitaria.


Sexan cales for os motivos, o xogo xa se serviu. E cal é a situación do xogador que podería gañar a partida, o nacionalismo e guillármelos progresistas? Ao meu xuízo está a cumprirse aquilo que escribiu a formidábel George Elliot, a inglesa que debía asinar como inglés para seren valorada. Os prexuízos, compostos dunha parte visíbel e sólida e doutra evanescente pero igualmente importante nos dominan. O nacionalismo galego é incapaz de presentar unha proposta conxunta que asegure o goberno alternativo que a maioría social demanda. A póla sólida dos prexuízos (os ismos de cada quen) e a póla evanescente (as filias e fobias aniñadas na endogamia dos seus grupos) conspiran para provocar o fracaso colectivo. E o mais curioso é que tirios e troianos defenderán na campaña as mesmas propostas: autogoberno efectivo, banca pública galega, reforzo dos servizos públicos, normalización do idioma propio.


Desta situación somos todos responsábeis. Porén nesta altura aqueles que abandonamos o BNG para construírmos algo novo que renovara as teorías e prácticas do nacionalismo o somos de xeito duplo. Nun episodio de Bob Esponxa o snob Calamardo pide permiso para entrar nun club que Bob e Patricio teñen nunha reducidísima casa de madeira nunha árbore. Estes contestan que non porque entenden que lles pregunta se colle fisicamente e non hai un centímetro libre. Calamardo cre que non o consideran de suficiente categoría e mete á panca cachola e corpo. A choupana estoupa e os tres acaban espetados en distintos lugares namentres os habitantes de Fondo de Biquini proseguen as súas vidas indiferentes ao que ocorre. Podemos teimar, alleos ao mundo, nas nosas confusións de fala e criar clubs exclusivos. Ou podemos inspirarnos na nosa tradición e como no noso Dereito Civil elaborar proxectos inclusivos que concilien o que é privativo e o que é de valor común. Aqueles que condicionan todo ao seu que recorden a admonición de Gargantúa a Pantagruel, o que non mira polo de todos remata por perder tamén o propio. Th,th,that´s all falks.

Te puede interesar