Opinión

¿Y QUIÉN ES ÉL?

O elemento que mais desminte o pretendido credo liberal do PP é a súa visión das mulleres como menores necesitadas de protección e corrección.Nesta liña elaboran agora unha modificación da coñecida comunmente como lei do aborto que aprobarán baixo o imperio das mesmas razóns liberais que as de Al Pacino en 'Scarface' cando para dar ordes esgrimía o seu paquete remarcado polo cinxido pantalón.


Nos 'Escritos Corsarios' Pasolini explica como acepta a despenalización do aborto por un elemental principio democrático aínda que non estea de acordo con il por razóns imposíbeis de sintetizar. Este texto vacinoume contra a simplificación nun tema con perspectivas complexas e igualmente válidas nunha sociedade plural. O problema é que o PP quere impoñer na norma unha moral particular ao conxunto social. Xa o tentou cando o deputado José María Ruíz Gallardón interpuxo un recurso para impedir que se despenalizara o aborto nos casos de perigo da vida da nai, de malformacións gravísimas do feto ou de violación. Para decatármonos da ideoloxía subxacente abonda con subliñar que no caso dun embarazo como resultado dunha violación entrarían en colisión,segundo eles, o ben xurídico do honor da muller('Dna.Inés del alma mía luz de donde el sol la toma',a deshonrada do Tenorio)e o dereito á vida do feto.


No ano 1985 o Tribunal Constitucional ditaminou que o 'nasciturus' non é titular do dereito á vida,predicábel só da persoa,do xa nacido. Cualifica ao feto de ben xurídico merecedor dunha protección sempre intermediada polos dereitos fundamentais da muller grávida. Resulta rechamante ler nesta sentenza (e noutras como a da reprodución asistida)os argumentos cuasi supersticiosos dos maxistrados e partes do proceso (exclusivamente varóns) que dende a súa experiencia persoal de embarazados discuten sobre si a vida humana empeza cos gametos, aos 14 días da concepción, ás 12 ou 21 semanas.Francisco Tomás y Valiente introduce sensatez no seu voto particular cando di que os seus colegas masculinos falan de todo agás do dereito das mulleres á súa liberdade e dignidade.


A lei de prazos en vigor recolle o espírito xurídico desta sentenza e se inspira no principio liberal da autonomía das persoas para que estas decidan sen a interferencia de maridos,fiscais,psiquiatras?A teima do PP contra esta idea é tan obtusa que conduce a paradoxos como que estigmaticen o dereito dunha moza maior de 16 anos a decidir neste tema e en cambio acepten que, segundo a Lei de autonomía do paciente, poida, sen tutela algunha, aceptar un transplante de corazón ou un implante de peitos ao Iola Berrocal.


Rosalía ironizaba, desesperada, sobre a cultura patriarcal e recordaba aquilo de 'S.Antonio bendito dádeme un home, anque me mate, anque me esfole'. No 1937 a Generalitat aprobaba a primeira lei sobre a maternidade que xa admitía o aborto por razóns éticas e sentimentais.Son pasos da revolución mais continuada, fonda e imparábel da especie. Quen non o entenda ficará cada vez mais perplexo e alleado.Como ese varón de clase media(só esta tiña tempo libre)que cando ela escolle a outro reaxe con esa intelixentísima pregunta, y quien es el?.Th,th,that´s all friends.

Te puede interesar