Opinión

Debemos ser transixentes cos intransixentes?

As relixións reveladas, as tres chamadas “relixións do libro”, sempre reclamaron moito a miña atención. Escuso advertir que, fundamentalmente, as que máis o fixeron foron as que acabo de citar de xeito implícito, a saber: a católica, a xudía e máis a islámica. 

A razón? pois só unha e única razón dado que as tres recoñecen a un mesmo Deus e sempre, sempre me sorprendeu que este lles dixera unha cousa a uns, outra a outros e aínda outra máis a uns terceiros, algo que sempre supuxo pra min unha entelequia na que nunca afondei moito. Isto de que teñamos que agardar ó Día do Xuízo Final pra saber se Xesús de Nazaret era ou non era o Mesías prometido, que si o era prós cristiáns, pero non o foi prós xudeus, implica unha falta de organización realmente lamentable. Os sucesos que a cotío nos sorprenden e irritan, nos amedrentan ou nos fan cismar, arredor deles e do que supoñen, pode que sexan consecuencia das diferentes éticas, dos diferentes sentimentos e verdades que de cada unha delas se desprenden.

Nunca afondei moito nestes temas, dicíalles aí atrás. A estas idades, pero tamén a outras que xa levo superadas, case que estou por optar, en lexítima defensa, a favor de profesar a fe do carboeiro que tanto nos predicaron ós da miña idade cando eramos rapaces. Porén esta última posibilidade non a considero vixente en moitas etapas de miña vida, esta que atraveso unha delas. En última instancia, non son quen de profesar a fe do carboeiro moito máis perigosa do que nos imaxinamos.

En etapas coma esta que lles recoñezo atravesar e que novamente cito é difícil de levar a cabo unha gran coherencia ó seu respecto: o cancro, o linfoma e outras variedades aparecidas no ámbito do máis próximo e persoal, espalláronse entre a xente que me rodea e ata vellos e queridos compañeiros do internado están pelexando sen aceptar nin a máis mínima rendición posible. Tal paisaxe non é a que esperte millor o ánimo, certamente. E se saímos dese ámbito e nos trasladamos ó ámbito do colectivo, que sucede? No ámbito do colectivo as novas que nos chegan do Oriente Medio e aínda do próximo producen calafríos. En razón delo, refúxiome na lectura como se con ela me liberase da opción da fe do carboeiro que tanto nos postularon nos exercicios espirituais ós que ano tras ano fomos sometidos os do instituto do Posío.

Estes días ando a reler a Biblia e mailo Corán en busca de explicacións que non sei se atoparei de esta volta, porque o certo é que non as atopei doutras e anteriores e, de facelo, de atopalas, non sei se serán ou non de recibo porque non se me antolla posible que un deus omnipotente poida aconsellar cousas tan distintas a uns e outros que calquera non afirmaría que se trate de dous deuses que ser non serán distintos, pero si moi encontrados. Entre tal consideración e o feito de que existan tres mil deuses recoñecibles dou en pensar que a única diferenza entre un ateo e un crente consista en que aquel nega a existencia dos tres mil e un crente a de dous mil novecentos noventa e nove, así que sóltalle corda ó papaventos. Negar a existencia de dous mil novecentos noventa e nove deuses antolláseme un disparate, cando non unha soberbia, ambas moi propias do ser humano; algún terá que ser o verdadeiro, pode que o propio, pode que non e que sexa outro; de aí e por se nos equivocásemos deberiamos ser aprendidos no respecto e tolerancia con todas cantas relixións poboan a Terra. Con todas? Pois tampouco porque algunha haberá, algunha ten que haber (e haina) que non é que sexa falsa ou certa senón que exerza a intolerancia e a imposición dos seus modos e entendedeiras de xeito humanamente rexeitable.

Como pode ser aceptable unha fe relixiosa que permite e consinte que unha rapaza nova poda ser executada por uns energúmenos en razón de que levase mal amañado o preceptivo velo. Deberemos, entón, ser intolerantes con aqueles que tamén o son? Deberemos ser transixentes cos que son intransixentes? Non o sei, non podo afirmalo. Tampouco negalo e nin sequera sei se deberei ou non deberei escribir como o estou facendo. 

O mundo anda moi atrastabanado neste outono a penas comezado, tanto coma xa o estivo noutros tempos, recentes uns e lonxanos outros, e son idénticas as súas afirmacións ás que hoxe circulan entre nós logo de ter circulado entres os nosos devanceiros. 

A historia é cíclica segundo deixou dito Arnold Toynbee e sospeito, ás veces, que algo de razón non lle faltaba. Estaremos respondendo ós desafíos actuais na exacta e debida medida necesaria? Pois a verdade élles que non o sei, aínda que si o sospeite. Por non saber ata non lles sei se debemos facelo ou non. Pero haberá que comezar a alzar a voz contrarrestando as actitudes que, de non facelo así, acabarán por nos envolver a todos sexan estas actitudes as que impoñen un velo en razón dunha fe ou as que impoñen esa linguaxe do políticamente correcto que tanto nos está facendo enredar, por un lado, e, por outro a repetición da linguaxe e as afirmacións xa expresadas noutras épocas históricas cando a través delas se ofreceron unhas cousas que nada máis ocupar o poder foron substituídas por outras. A pregunta é se estaremos a altura ética e moral que nos reclaman os feitos que suceden no noso arredor e tamén nos máis lonxano a nós. Pois tampouco non llo sei, pero voulles deixar escritas dúas frases de Toynbee por se teñen a ben consideralas e delas se lles deriva algo. Sonlle estas: “O maior castigo pra quen non se interesan pola política é que han ser gobernados por persoas que si se interesan por ela”, a primeira; “unha nación permanece forte mentres se preocupan polos seus problemas reais e comeza a súa decadencia cando pode ocuparse dos detalles accesorios”, a outra.

Te puede interesar