Opinión

Retrato moral do escritor

Levo anos, moitos, acaso demasiados, desculpándome en cada ocasión na que se me da por lles falar a vostedes, inestimables lectores, de xantares deliciosos, de solpores incribles ou de conversas amenas; tamén de agarimos, deses de agradecer, ou de músicas evanescentes; de todo aquilo que nos produza pracer e serenidade. Algo así coma un afán delicuescente, que tamén os hai, de me disolver na humidade ambiente e pasar polo que non son; por un tipo enteiramente serio... se é que algún hai ou, no millor dos casos, algún queda.

Fágoo así por se me antollar ser, pretensioso que son eu, un escritor “cabal”. Fíxeno levado sempre dun vello prexuízo; dun prexuízo impropio dun escritor serio e concienzudo; algo que eu non lles son, evidentemente. Cal o prexuízo? Pois aquel que rexe ambientalmente: o vello prexuízo de ter que ser ou cando menos pasar por ser un escritor “respectable”; ou sexa, no meu caso, algo tamén contra toda esperanza. Non lles hai máis que ler todo canto levo escrito. 

O retrato moral do escritor cabal indica que, contra toda lóxica, este debe ser austero e ríxido de formas, serio e acontecido, dominado pola responsabilidade que dende sempre recaeu sobor do seu lombo; tal e como se do de Atlas se tratase e todo o peso do mundo descansase sobre eles. Cada vez que botei os pés fóra do testo houbo quen mo reprochou. Hai unha semana tamén, cando lles falei da primeira lamprea da tempada. Logo lin un excelente artigo de Lois Caeiro, publicado no xornal do que durante tantos anos foi o seu director. Agora, dado que non sería eu quen de millorar o que el di en breves palabras, vanme perdoar, e tamén vai ter que facelo el, que reproduza íntegro o parágrafo do escrito ó que me refiro e no que me pretendo amparar. 

Así que, contando coa súas respectivas venias, aí lles vai: “A urxente necesidade de reflexionar sobre a dimensión emancipadora do pracer é tema que ocupa ó filósofo Michaël Foessel. A proposta de ‘non lle ceder o pracer ós reaccionarios’ poderían tomala en consideración os neopuritanos que ven no goce da mesa e no erotismo, por citar dous clásicos, debilidades reaccionarias. Antes dirían pequenoburguesas. Un perfume, un xardín, a beleza dun corpo, unha paisaxe, unha peza musical, un instante ou un tempo concreto que se lembran foron ocasións pró o goce. Haberá quen vexa aí espírito conservador. En nome de que e como contribución a que habería que renunciar ao descubrimento e goce dunha rosa, dun viño en compañía, da paz do silencio nun templo, da vivencia dun amencer na montaña ou no mar, ou da anulación do eu no outro”. 

Magoa estar mal visto que lles reproduza o artigo enteiro, que senón vaia se o facía. Era como pra facelo e descansar nel a miña “mala conciencia” de traidor de clase intelectual, de frívolo amante da dona das frías augas do inverno, esas que se van tan axiña como canta o cuco.

Te puede interesar