Opinión

Somos así, sen maior remedio

Cecilia Kin naceu sendo Ceciliâ Isaakovna Rubinštejn, alá no lonxano 1905. Fíxoo no seo dunha familia israelí, en Mogilëv, unha cidade que daquela pertencía ó Imperio ruso e agora é parte de Bielorrusia. Así o advirte Google. Grazas a elo sei que forma parte de Bielorrusia. Faime graza, cando escribín “Era la soledad” a novela que narra a peripecia vital de Benigno Moure, aínda felizmente vivo, estiven pechado no balneario de Laias durante os meses que durou a escrita. Ó mesmo tempo que tamén o estaban unhas remeiras bielorrusas, esveltas e loiras. Cecilia Kin era pequena e doce pero tamén esvelta, de acordo coas súas dimensións corporais. As remeiras eran longas coma un solpor dun día de xuño. Era un luxo velas adestrar no encoro de Castrelo do Miño. Lixeiras e fugaces como a mesma vida. Cecilia non era así. Cecilia era coma a miña tía avoa Aurita, tan devota de tantos santos, só que Cecilia o era en versión comunista, esoutra igrexa que ten en Moscova o que os católicos teñen en Roma.

Logo da Revolución de outubro a súa familia trasladouse a Ekaterimburgo, onde Cecilia afiliouse ó Komsomol, a organización da Mocidade Comunista. Non moito máis tarde, sendo de obra de dezaoito anos, casou cun mozo escritor e dramaturgo Viktor Kin (seudónimo de Viktor Pavlovic Surovikin) e dende entón pasou ser Cecilia Kin ata que, chegado o 1992, se quitou a vida. Antes pasou polo gulag, a causa de ser esposa dun condenado. Só puido saír del, no 1946, en virtude de ser a nai dun rapaz morto heroicamente en acción de guerra. De Viktor Kin nunca máis se soubo. 

Coñecín a Cecilia no 1990, dous anos antes de que se quitara a vida, cando os Premios Grinzane Cavour nos foron dados ós dous. A ela o Internacional pola súa traxectoria e pola súa obra grazas ós nove libros que escribiu, as moitas traducións que fixo, ós numerosos ensaios que publicou case que todos eles referidos á realidade política e cultural que a rodeou durante toda a súa existencia. A min déranme o correspondente á millor novela estranxeira editada en Italia naquel ano. Esa coincidencia permitiume coñecer ó ser humano excepcional que foi Cecilia Kin.

O seu recordo regresou a min ó coñecer a noticia de que Gorbachov, o derradeiro presidente da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, pasara a millor vida; ou sexa, que abandonara este mundo logo de penosa enfermidade. Explicarei porque razón. Durante todos os días nos que se prolongou a estancia arredor do castelo de Cavour, Cecilia tivo un tema de conversación que se lle tornara recorrente. En cada oportunidade que tiña, sacaba a colación a perestroika e clamaba polo apoio dos seus contertulios ós esforzos de Gorbachov afirmando que, a súa, a de Gorbachov, era a única solución posible a grave situación na que se atopaba a Unión Soviética e a única que significaría progreso e democracia en troques da ditadura que sen dúbida ningunha se establecería en Rusia se as teses e os esforzos de Gorbachov fosen rexeitados. Fórono. Agora cada vez que a miña mente asocia a Cecilia co Gulag e a súa viudedade, primeiro; coa morte do seu fillo despois; con Gorbachov acto seguido, e con Putin seguidamente, pregúntome se os occidentais prestamos todo o apoio que aquel esforzo reclamaba. Sospeito que non e que a razón estriba no tan simple e simplón razoamento de que os humanos somos así e que o somos sen maior remedio.

A situación que hoxe atravesamos, tería sido posible no caso dunha transición rusa (dunha transación, se o prefiren), como a que vivimos os españois no seu momento. Aquel equilibro de forzas que axitaban á Unión Soviética naqueles días acaso tivesen propiciado o que a nosa transición/transación propiciou entre nós e que, agora, pasado tempo dos figos, metidos xa de cheo no tempo das mazás, rexendo os destinos de Rusia quen os está a rexer; instalados, millor dito empoleirados os nosos políticos nas estruturas do Estado, mal ou pouco arranxo han ter os nosos problemas.

Esta debe ser a primeira vez na miña vida que ouso escribir de política internacional, sequera sexa do débil feito có que o fago, dada a escasa ou nula competencia, ó pouco coñecemento que teño a tal respecto o que me fai axexar os acontecementos dende unha prudente distancia e non me atrever a formular posibilidades que escapan á miña capacidade de criterio. Tan certo é isto que lles digo como que acabo de ler nun deses xornais dixitalizados que nos asaltan con propaganda sen deixarnos lelos con sosego e calma, acabo de ler que o actual presidente do Partido Popular reservase pra si o nomeamento dos cabezas de lista prás vindeiras eleccións. A quen deberán fidelidade eses futuros deputados? Ós seus electores desde logo que non. Deberanlla a quen os escolmou, ó presidente dese seu partido, pero non ós seus electores que, os máis deles, pasadas unhas semanas, non han recordar nin sequera os nomes dos deputados que os seus votos designaron.

O mundo está moi convulso. Hai nada caeu ó chan dende unha ventá do hospital un opoñente a Putin que estaba ingresado nel. Haberá que irse facendo unha idea do que realmente pasou porque é de temer que no futuro teñamos que contemplar máis casos da mesma maneira de abandonar este mundo que teñen non poucos opoñentes ós sistemas estatais imperantes.

A pregunta terrible é a de si eiquí se levan realmente suicidado algúns significados personaxes da vida pública española, dende presidentes de bancos a políticos que se atreveron a denunciar corrupcións. A outra pregunta, espero que non tan terrible, pero si necesaria, é a de se xurdirá do seo da nosa sociedade unha Cecilia Kin, ou unha ducia delas, quen de sinalar futuros e nos anunciar as esperanzas e os fracasos que sempre acompañan ó ser humano e que, polo tanto, tamén nos esperan a nós.

Te puede interesar