Opinión

Xente onde mallar

No canto de escribir a miña primeira novela, fíxeno escoitando repetidamente o “Carmina Burana” de Carl Orff, de xeito que o autor acabou sendo para min alguén non como se fora da familia, pero si alguén próximo e benquerido. Iso en canto a música, a persoa e as súas dias son xa fariña doutro costal. Acabo de recordalo porque me veu á cabeza o nome de Carl Orff e, dubidando de escribilo como se me ocorreu e non como eu debera recordar fun ó Google e comprobei que, efectivamente, me equivocara: pensara que era D’Orff, afortunadamente corrixín o meu erro. Cometino, seguro, outras veces; así que vaia o comido polo servido. Estas precisións, que se me antollan propias dun domine cabra calquera, son sen embargo moi dignas de ser tidas en conta dado que sempre hai xentes coa escopeta de perdigóns ben disposta a dispararlle, a eito e a colleito, ó que meta a pata neste tipo de exercicios da memoria. Que se llo pregunten senón ó alcalde de Madrid que pensou que Carmina Burana era o nome dunha cantante e mallaron nel canto quixeron os sempre dispostos a sinalar erros alleos. Acórdanse os lectores daquela ministra de cultura tan dada a facer eloxios da coñecida novelista Sara Mago? Pois iso.

Nós tamén tivemos onde mallar cando un conselleiro de Cultura foi sacar as entradas pró concerto da gran cantante galega Carmiña Burana e foi debidamente ridiculizado polos amigos e amigas de facer carne no corpo alleo. Confeso que este tipo de actuacións póñenme doente. Cando foi o deste conselleiro veume preguntar unha xornalista, en plan cómplice, polo erro do conselleiro, co que eu non coincidía en case que nada, conste, e irritoume tanto (xa se sabe que eu “non sei estar”) que non me resistín a preguntarlle á miña vez que lle parecía a ela o “Catuli Carmina”, é dicir, a segunda entrega de Orff dos chamados “Cantos de Beuron”. Como non tiña nin idea, pregunteille porque ridiculizaba a alguén que tiña a mesma desinformación que ela acerca de pezas tan singulares como as dúas citadas.

Foi unha desas ocasións tan claras, tan claras, que fai boa a afirmación de que nunca ninguén é criticado por alguén que leve feito máis que o criticado. Os que critican a alguén adoitan ser sempre xentes que levan feito moito menos que os receptores das súas críticas. O problema é que iso ó tempo que pode ser considerado un aforismo é tamén unha verdade constatable.

Cada vez que escoito ou leo unha crítica corrosiva procuro enteirarme de canta obra leva feita o crítico e de que índole e esta. Non digo que non fallase nunca, pero si que nunha alta porcentaxe de ocasións pode incluír no catálogo de tal tipo de xente ó criticón de marras. Foi sempre así. Hai tempo, sendo el dez anos máis vello ca min, alguén reprochoume que el só tivese un libro editado mentres que eu xa levaba catro. 

Te puede interesar