Opinión

ACUSA, QUE ALGO QUEDA

Apropósito da recente sentenza da Audiencia Provincial de Ourense sobre o que algúns denominaron o 'caso dos paneis', paga a pena comentar un par de reflexións. Existen moitas persoas que se erguen da cama cada mañá e, fágalle falta ou non, dúchanse a diario. E mentres se asean, cantan ou asubían para logo dedicar o resto do día a facer cousas normais. Cousas que, unhas veces lle saen mellor e outras lle saen peor. Seica hai tamén outros ?poucos, por sorte- que despertan moi cedo para dedicar as primeiras horas do día a pensar cando, onde, como e canto lle amolan a vida a aqueloutros que non gozan da súa exquisita simpatía.


A segunda reflexión é que, despois de ler a nomeada sentenza, tres xuíces dedican case dezaoito páxinas a desmontar as teses da fiscalía e da acusación particular (pepé), deixando constancia escrita de que os acusadores non fixeron o uso debido dese precioso tempo que trascorre, cada día, dende a hora a ducha ata a hora da cea, pois seica nin aportaron a máis mínima proba, nin razoaron acaidamente o prego de cargos.


O documento absolutorio tamén dedica unhas liñas a calificar a tramitación administrativa de chafalleira, mais non analisa a resolución administrativa -que, en definitiva é o que conta- simplemente porque as súas señorías conclúen que nona houbo. E se non hai resolución, o resto do expediente ten ben pouco valor.


A modo de conclusión, moitos faranse varias preguntas. Pode haber xente estudada que acuse a outros de suborno, tráfico de influencias, falsidade e prevaricación, e os que cortan o bacalao resolvan que 'rien de rien' mentres os aqueles e os seus altosonantes marchan de 'rositas' para a súa casa, sen ter que dar conta de nada? E en segundo lugar, se o expediente administrativo merece o calificativo de chafalleiro, como calificamos o expediente que tramitan os que acusan publicamente e por vía xudicial, sen fundamentos nin probas que merezan a consideración de tales?


Ah! Díxome o meu tío Lisardo que cando sexa alcalde, o primeiro que vai facer será dar as ordes oportunas para que a estatua de dona Concepción Arenal, no canto de mirar cara a rúa do Progreso, poña a ollada no edificio que ten á súa esquerda, coa esperanza de que algún día nos conte aos ourensáns se existe certo grao de perversa intimidade entre algúns de fóra e algúns de dentro .


P.D: A quen corresponda fágolle saber que pode contar coa miña modesta achega para traducir ao galego a sentenza de marras e difundila entre os ourensáns para o seu coñecemento e efectos.

Te puede interesar