Opinión

ALBERTO E AS PREFERENTES

'Há metafísica bastante em não pensar em nada'


(O Guardador de Rebanhos, Fernando Pessoa)




OAlberto Caeiro que eu coñezo garda un certo símil co auténtico Alberto Caeiro, o heterónimo de Fernando Pessoa. O meu veciño tamén é -ou era- un entusiasta da natureza, gardou rabaños toda a súa vida e tamén coidaba, antes de que o xiringaran coa pulla das preferentes, que pensar é malo porque fai doer os ollos. Nunca fixo outra cousa na vida que non fose traballar coma un boi e morrer de frío ou abafado durante a maior parte do ano.


Cando cumpriu os sesenta e cinco tacos, este amante da natureza -por pura necesidade- deixou de lado o traballo, vendeu o rabaño e comezou a disfrutar da miseria que lle pertencía en concepto de pensión da agraria. Aos poucos días de estar xubilado, personouse na Caixa -Gayoso chamáballe 'la Caja' - decidido a queimar dunha asentada os trece mil euros que tiña aforrados. Só pretendía darlle unha volta á casa para facela algo máis confortable!


A directora da Caixa -Gayoso chamáballe 'la Caja'- máis preocupada por lamberlle o cu aos que mandan ca por dispór dun mínimo grao de ética e honestidade, botou man dese bic que sempre está atado a un cordel nos mostradores dos bancos e non tardou en convencer a Alberto -don Alberto, por un instante- de que se metía os aforros nas preferentes de marras, no prazo dun ano, aparte da calefacción podía dispor tamén do cuarto de baño.


Xa pasaron dous anos -para Alberto, unha eternidade- e a súa casa sigue a estar peor ca estaba, dos seus aforros ninguén sabe nada, e cando saben algo dinlle que se quere a metade pode pasar polo banco. Mentres aquela señora que o embobara coas preferentes e subordinadas, xa non é directora da Caixa -Gayoso chamáballe 'la Caja' -, agora dirixe a sucursal dun Novo Banco que nin ela mesma sabe como carallo se chama.


Mais os tempos mudan, a xente cambia, e Alberto xa non aparece polo bar coma antes. Pasea sen tino, cunha tristura que lle quita un ano de vida cada día que pasa. Anda sen rumbo polos camiños do monte e non para nada na casa.


Mentres tanto, Rajoy, un tal Montoro e o noso Feijóo mendigan millóns da Merkel para inxectárllelos á Caixa -Gayoso chamáballe 'la Caja'- a cambio de deixar sen traballo a miles de empregados e poñela a punto canto antes, para vendela por un euro se alguén quixese comprala.


Ah! O meu tío Lisardo anda moi preocupado porque ninguén ten a amabilidade de facerlle un sitio no banquiño dos acusados a ese rabaño de gobernantes e banqueiros que tanto fan por nós e tan ben nos tratan. E, de paso, que non se esquezan daquela señora que deixou a Alberto sen ovellas, sen traballo e sen cartos. Vaia, que os cómplices necesarios tamén paguen algo!

Te puede interesar