Opinión

CANDO NON MINTEN, CALAN

'No he cumplido con mis promesas pero he cumplido con mi deber'.


(Mariano Rajoy a The Economist)




Cando o señor presidente pronunciou semellante diatriba, pretendendo embobarnos un chisco máis aos que xa padecemos o suplicio de ter que aturalo a diario, debeu pensar que aquela era a declaración máis transcendental da súa vida. Pois non! O que fixo don Mariano con semellante afirmación foi arremedar ao tarambaina de Pazos na película 'Airbag', 'lo mismo que le digo una cosa, le digo la otra'. (En Alemaña xa tería dimitido, por plaxio.)


A estas alturas da película o que comeza a ser preocupante é que, entre os seus, non haxa ninguén coa suficiente ousadía ?non fai falta moita!- para facerlle saber ao mariscal Brey que, de seguir desprendendo esa fragrancia de soberbia que xa comeza a feder, de seguir practicando o absoluto desprezo pola verdade e polos principais problemas da xente normal, acabará abocando á clase de tropa do seu propio exército a ser gafada polo cheirume que, de momento, só recenden el mesmo e unha boa parte da súa garda pretoriana.


Estes percales da política, personaxes exóticos onde os haxa, son coma as acacias. Agroman unhas cantas nos cadabullos e cando te dás conta aparece unha inmensa matogueira. O malo é que este tipo de monte baixo sempre acaba prexudicando o normal desenvolvemento doutras árbores con maior valor medioambiental e, tarde ou cedo, hai que fumigar para evitar que a cobiza das mimosas se acabe convertendo nunha praga insoportable.


Recoñezo a frouxidade do meu entendemento, mais seguindo a voltas con 'Airbag', como 'el concepto es el concepto', nunca chegarei a comprender como é posible que haxa alguén que antes de ser elixido ofreza o ouro e o mouro e logo, ao gañar, descobra a existencia dun valor supremo chamado 'deber' que, por arte de virlevirloque, converte as promesas electorais nese tipo de papel que só serve para iso que estamos pensando.


Que clase de parvada é esa, a que pretende santificar don Mariano -he cumplido con mi deber- para renegar dos seus compromisos, tratando de xustificar o espolio dos que xa non teñen nada que espoliar?


Ah! Un tipo así, que leva nisto desde que estreou os primeiros pantalóns con petrina, que veu á política polo gran sentido do deber -e non para gañar cartos- e que goza máis do debido enganándonos cada cando, merece algún detalle pola nosa parte. Por iso, hai que pensar en algo que pague a pena, como por exemplo buscarlle un novo nome, máis acaído para quen se atreve a chamarlle 'deber' a un certo estado de éxtase que lle permite dicir hoxe unha cousa e mañá facer o contrario sen inmutarse. O meu tío Lisardo pensa que o nome apropiado podería ser o de Carlos Javier Floriano. Se vos parece ben, incoamos o expediente!

Te puede interesar