Opinión

CARAS DE CEMENTO, CORAZÓNS DE FERRO

Dende que o ex empregado e multimillonario Luís Bárcenas abriu a caixa dos tronos, é difícil botarlle un vistazo aos xornais sen atopar embulleirado o nome dalgún político importante. Tal e como está o patio, hai que ter un bandullo de cabalo para abrir os periódicos ás mañás e resistir os primeiros minutos sen trousar o café e os churros por causa dos titulares e das fotos que a diario aparecen nas primeiras planas.


Hai cousa dun mes e pico, unha tal Annette Schavan, ministra de Sanidade alemana e amiga da señora Merkel, non tivo máis remedio que dimitir por ser sospeitosa de ter copiado a súa tese doutoral hai máis de trinta anos. Hai cousa duns días, saen á luz unhas fotos nas que aparece retratado, en compañía de Marcial Dorado, un tal Alberto Núñez, daquela mozo inxenuo e alto cargo de Sanidade e hoxe presidente da Xunta de Galicia e cunha amnesia incurable, sen que o asunto teña maior importancia. Pase o que pase, aquí non pasa nada!


Vale! Non debería pasar nada polo feito de que o señor Feijoo aparecese hai varios anos, tomando o sol nun barco, con gafas escuras e coas costas embadurnadas de abundante bronceador factor-40, en compañía dun señor cun chapeu barateiro, gardando a distancia regulamentaria. Mais se a compañía do noso Presidente é un individuo que practica unha das delincuencia máis deleznables, gañando moita pasta a base de negociar con mercadorías ilegais apropiadas para fundir para sempre un montón de vidas humanas, entón deberiamos concluír que a cousa é bastante grave, por moito que o señor Núñez diga que 'quieren amedrentarme'. Hai que ter cara de cemento para tratar de convencernos que a cousa non ten maior importancia!


Cóntame o meu tío Lisardo que o que realmente lle causa unha tristura inmensa, aparte da impotencia de non poder facer nada, é que haxa persoas normais que defendan a estes paxaros con toda a ansia e entusiasmo, sen ter ningún reparo en levar, na solapa da americana, o mesmo pin ca estes tipos que nos amargan o almorzo sen inmutarse. Individuos sen sangue nas veas, ou se a teñen, téñena conxelada, xente con corazón de ferro que aguanta o que lle botan, que confunde cargos con amos, incapaz de pegar un berro ben pegado para deixar as cousas claras ou para mandar a esa tropa a tocar o carallo e usar a súa condición para pór no seu canto a outros que merezan representarnos.


Ah! Hai quen anda a pedir que o pillado 'in fraganti' dea explicacións do caso e tal e que sei eu, para desa maneira seguir enredando e enredando a fin de que todo siga como estaba. Coma se precisaramos que nos expliquen algo que non saibamos. Coma se unha imaxe non valese máis ca mil palabras!

Te puede interesar