Opinión

COUCES NO FÍGADO DOS CONCELLOS

Ovindeiro día 11 vaise celebrar un conclave municipal para que os alcaldes galegos se poidan desabafar, aportando pareceres sobre as súas discrepancias -ou conivencias- cun proxecto de lei, revirado, que responde ao pomposo título de Ley de Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local. (Cítoa en castelán para non incomodar ao noso conselleiro de Cultura).


A norma en cuestión, en trámite no Congreso, non deixa de ser outra chanza perversa, desas ás que nos ten empostos o ministro Montoro, para lle suscitar o sorriso falso ao xefe dun Goberno que non produce máis ca tristura e desgustos.


A estratexia trazada polo Goberno consiste en coserlle -con arame de pinchos- á actual Lei de Bases de Réxime Local, un remendo de chapa ferruxenta, para afondar nas súas feblezas, ata estoupala definitivamente, a fin de converter os concellos en franquías administrativas do ministerio de Facenda, partindo dunha falsa diagnose, argallada para convencernos de que o mapa municipal, e a súa estrutura e funcionamento son culpables, en grao sumo, da soga que nos levou ao fondo do pozo, desviando así a atención dos cidadáns sobre o principal causante, que debe ficar totalmente incólume, el Gobierno Central.


Se este proxecto de lei acaba atopando acomodo no Boletín Oficial, a mesa estará servida para minguar significativamente a cantidade e calidade ?febles en moitos casos- de varios servizos básicos prestados polos concellos á veciñanza, e desaparecerán outros que, por desleixo das administracións central e autonómica, se veñen atendendo sistematicamente desde o ámbito local.


A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), composta por alcaldes do PP, PSOE e BNG, vén de elaborar as súas emendas e de convocar -tarde, mal, e nunca- unha asemblea de representantes municipais; ocasión que aproveita o partido de Rajoy para despistar aos outros dous partidos e pór en solfa astutas manobras orquestrais, que lle permiten atallar as ansias de festa dalgúns alcaldes da oposición e embobar aos últimos mohicanos da casa que, se non fora así, non terían reparo en asubiar, no canto de bailar unha vez máis o chotis madrileño, que tanto lle presta a Feijoo.


Mais dame o corpo que vai ter razón aquel amigo de Napoleón e, o que non pode ser, non pode ser e ademais é imposible. As emendas non pasarán do Padornelo e a asemblea será unha fantástica ocasión para que os alcaldes se saúden na capital galega.


A aparente movida dos alcaldes galegos vai topar coa desidia dos xefes dos seus propios partidos. O PP galaico é un partido obediente, cada vez máis enmadrilado, que pía pouco diante das doutrinas centralistas e centralizadoras reinantes, coma a que nos quere empaquetar o señor Montoro. No PSOE galego, se non fose por aquilo de levar a contra, tampouco hai ansia de suar a camiseta para oporse a unha norma cuxa filosofía comparten plenamente, por moito que o señor Besteiro se emboute de recendo edilicio. E, aos do BNG, enfrascados no xogo do todo ou nada, dálles o mesmo unha lei cá outra, porque nunca lle interesou demasiado o municipalismo, agás a algúns alcaldes, dados de alta no réxime autónomos, que son conscientes de que Galicia tamén se fai desde os concellos.


Ah! Presinto que o meu tío Lisardo se poría ben contento se eu me vise obrigado a rectificar e comer crus os meus comentarios. Se tivese que facelo, faríao encantado!

Te puede interesar