Opinión

E DÁLLE COS RECORTES!

'Ninguém é obrigado a amar ninguém,


mas todos temos a obrigação de nos


respeitarmos mutuamente.'


(Claraboia, José Saramago)




Non debe ser galego como é debido un político que comeza a súa andaina como presidente da Xunta adoitando medidas agresivas, actitudes e comportamentos negativos contra a mellor sinal de identidade do país que representa, a base de meterlle paus nas rodas ao carro do idioma galego. E se conclúe a lexislatura afeitando en seco o Parlamento para adaptar a composición desta Institución aos seus intereses partidarios, é moi posible que precise revisar o funcionamento dos cromosomas democráticos.


Mais se ese político non foi capaz en catro anos de dedicar un só día á principal encomenda que lle fixemos, a defender o autogoberno coma a mellor maneira para avanzar no camiño do progreso, do benestar do seu pobo e da defensa dos seus intereses, e mesmo pretende pasar á historia anotando na súa folla de servizos o abxecto mérito de terlle botado o sedeño ao pescozo da democracia, cortándolle o alento para minguar a representatividade e a pluralidade que calquera país merece, é moi probable que unha rara vareixa lle ande a furgar nesa parte do corpo que vai debaixo do chapeu, simplemente para garantirlle a súa permanencia no 'machito' catro aniños máis.


Diminuír o número de deputados do Parlamento galego, alegando que é para aforrar cartos, é unha actitude propia de fulanos caprichosos, entoxados, afeccionados a facer trampa, empostos a confundir as cousas serias, propias da xente formal, co xogo das tres cartas que practican os tarambainas ou mesmo das mentes escollidas por algún poder supremo para acabar facendo bobadas moito máis grandes.


Vaia! Se universalizásemos semellante tese, a democracia acabará sendo un luxo que só poderán gozar os 'ciadáns' dos países que teñen cartos, porque os 'servos' dos paíes pobres non a darán pagado. Ou, dito doutra maneira, de Feijoo en adiante, o grao de representatividade nas cámaras de representantes será un capricho que dependerá da capacidade económica dos pobos e deixará de ser un dereito irrenunciable, aínda que os electos estean dispostos a traballar de balde. Polo tanto, a que vén esa teima de reclamala para os cubanos? Non sería dabondo que a tivesen os norteamericanos?


Ah! Pregunta o meu tío Lisardo se o partido ao que pertence un tal Francisco Vázquez dispón dese aparello denominado 'antigaleguímetro' que serve para medir a dose necesaria duns pos chamados 'vente comigo' e se lle botan na bebida a determinados persoeiros para que se poñan 'full-time' ao servizo de don 'Alberto el recortador'.

Te puede interesar