Opinión

A DIFERENZA ESTÁ EN SER IGUAIS

'Por calles y plazas voy


repitiendo mi pregón:


Los iguales para hoy


quien me compra otro cupón'.


('Los iguales para hoy', Rafael Farina)






Un amigo de Zuera, provincia de Zaragoza, contoume nunha ocasión o caso do cura dunha localidade aragonesa que, subido ao púlpito, comezou así a prédica aos seus fregueses: 'Ya me he enterado que somos los segundos más pecadores de España. Espero que todos hagamos lo imposible para que pronto seamos los primeros'.


O que lle está a pasar ao PSOE de Rubalcaba é o mesmo que lle pasou a aquel mosén do que fala o meu amigo. No canto de ser o candil necesario na negrura rajoiniana e comportarse coma a alternativa ao Partido Popular, confórmase con ser a alternancia, o 'quítate ti que me poño eu'. Limítase a enlamar o campo, coma Rajoy, competindo na Champions League do bulleiro, satisfeito con arremedar ao campión, repetindo as mesmas xogadas, propias dos que por aforrar pagan a escote o mesmo adestrador. Dos iguales para hoy!


O que queda de Rubalcaba -o predicador latricante- só serve para soltar palabras baleiras, parvadas sen xeito nin maneira, para falar sen dicir nada, coma Rajoy. O caso da moción de censura de Ponferrada, pretendendo embobarnos con nocturnidade e aleivosía, coma Rajoy, non fai máis ca pórlle o cascabel ao gato. 'Nos hemos equivocado. Rectificamos y punto'.


E para aderezar as torpes xogadas do xefe, aí quedou a soberbia estocada do alter ego de Carlos Floriano, un tal Oscar López, a piques de gañar o Nobel do Cinismo, tentando convencernos de que o obxectivo da moción era botar da política ao acosador de marras. Ole a túa arte!


Si. Hai que ter moita cara, coma Rajoy, para que un tipo coma Rubalcaba, que presume de ser o máis listo da clase, trate de convencernos de que non sabía nada da moción de censura que estaban tecendo os seus compas socialistas de Ponferrada, en complot cun coñecido acosador sexual. Se fose certo que don Alfredo non sabía nada, non pode ser tan competente como falan. E se sabía algo, entón é un auténtico irresponsable.


Agora xa non chega con emendar a plana. A torpeza en política non se paga con xaculatorias rajoinianas, rezando avemarías que non valen para nada, coma esa de 'rectificamos y punto'. As medidas internas para evitar novas meteduras de pata son fantásticas, sempre e cando os que teñan que irse marchen para a súa casa.


Ah! O meu tío Lisardo clama ao ceo para que veña canto antes dona Carme Chacón, experta no 'nin fu, nin fa' (tan ben ensaiado no asunto do dereito a decidir dos cataláns), capaz de fuxir pola rúa do medio, sen mirar cara os lados. Se isto non é o máis exquisito estilo rajoiniano, que veña Rajoy e o vexa!

Te puede interesar