Opinión

O HOME FORMAL

'Se me enganas unha vez, túa é a culpa; se me enganas dúas, é miña.' (Anaxágoras)




Cando lle dixeron ao home formal a data oficial das eleccións ao Parlamento de Galicia, tardou en vir en si, e en canto se repuxo, rompeu o vello costume dos últimos tres anos e pico e retornou de Madrid antes da conta para tratar de convencernos de que o día da convocatoria era cousa súa e así, na véspera do martes, sen decatarse que despois do domingo sempre vén o luns, despois de que todos leramos nos medios de comunicación que tocaban eleccións o 21 do mes que vén, o noso presidente anunciou que ía convocar eleccións para o día 21 de outubro. Quen manda, manda e o demais son contos chineses!


Uns días antes de que o home formal lle dese solemnidade á data de marras, o pillo de Rajoy xa lla xogara ben xogada e só lle deu a oportunidade de ir a Galicia a ler nos xornais a noticia do que xa estaba anunciado, concedéndolle, iso si, o privilexio de asinar o decreto no 'seu' diario oficial, por se alguén aínda non tiña claro quen era o xefe.


O día que o home formal nos quixo sorprender, tendo que facer o que leva tempo negando, o partido que preside xa nos tiña demostrado que o mellor exemplo para presumir do contrario do que vén predicando, chámase don Guillermo Collarte (ilustre concelleiro e excelentísimo deputado), gábase de non 'incala', de facer o que lle mandan e de non ter feito nada, quéixase de ter que pagar a comida, de que non lle ofrecesen ningún cargo, de gañar só 5.100 euros, e de estar a piques de morrer de fame.


Cando o home formal decidiu ser novamente candidato, co ánimo de amolarnos outros catro anos ben amolados, xa deixou de preocuparlle que o Parlamento teña ou deixe de ter 75 ou 61 deputados, xa se esqueceu da comisión parlamentaria para ver que pasou co asunto das caixas, e impórtalle tres carallos que os xuíces validasen o Plan Eólico que entre el, Pachi e aquel fulano de Iberdrola se empeñaron en botar abaixo, e non vai perder o sono pola riqueza e polos postos de traballo que semellante plan podía estar xerando.


Ah! Preguntoume o meu tío Lisardo, se alguén lle vai pedir explicacións ao home formal, que foi quen de asinar un contrato cos galegos do que nunca máis se soubo nada. Se hai que facerlle algún tipo de xuízo e condenalo a pagar algo. Se no caso de que queira embobarnos con outro conto que conteña cláusulas semellantes, lle deberiamos esixir algún tipo de fianza. E se cando un político tan valente que presume de facerlle préstamos aos cataláns porque lle sobran os cartos, que se farta de dicir burradas a esgalla, ou nolas conta tan grandes coma a catedral de Santiago sen pórse colorado, é suficiente que pida perdón ou debería ir pensando en atopar outro traballo.

Te puede interesar