Opinión

IDEAS ENTRE-CRUZADAS

Olá, guardador de rebanhos,


Aí à beira da estrada,


Que te diz o vento que passa?'


(O guardador de rebanhos,


Alberto Caeiro -heterónimo de F. Pessoa-).




Coñezo gobernantes -e vostede tamén- moi ben faladiños, que se cren moi guais. Tipos de ollada turbia, empostos a non mirarlle aos ollos á xente, obstinados en tocarnos o nabo ben tocado mentres tratan de convencernos do contrario. Fulanos retortos que se ruborizan cando din a verdade, porque non están habituados. Disimulan acotío e relámbenche a caluga para facerche crer que están do teu lado, e cando te pillan descoidado, embálanse para metercha dobrada. Hai que goderse con estes 'pulbos' do carafio!


O meu tío solía dicir, se non queres unha cunca de caldo toma dúas, para referirse á esa dor adoecida que che produce levar un couce onde che acaban de dar unha patada. Pois iso. Non nos chegaba co Alberto autóctono e tamén temos que aturar as falcatrúas do extraño.


O outro, o de Madrid, merece capítulo á parte nos libros de Historia que se editarán ao amparo da Lei Wert, grazas ás súas nefastas ocorrencias coma alcalde, verbi gratia, a ringleira de rosarios e escapularios, a piques de ficar á poula, que circunvalan a capital de España. Campión en desbaldir diñeiro público en zaragalladas e xogos malabares -ou olimpíadas embrionarias- ata converter o concello capitalino no máis endebedado de cantos hai no mapa.


Ao noso -o dos Peares- debémoslle agradecemento perpetuo nesta vida -e na outra tamén- por ser capaz de normalizarnos, aplicando unha sibilina e sofisticada técnica que ten como resultado o despoxo de todas as desgrazas que nos fixeron tan estrafalarios (Pescanova, asteleiros, Caixas, Pastor, idioma, Parlamento, País). Mais tamén por permitirnos que sigamos cantando a Virxe da Barca, custe o que custe. Quen dixo deconstrución!


Ao de acolá, invocarémolo nas nosas pregarias por ter a covardía de embravecer o Código Penal e endosarnos a Ley de Protección de la Vida del Concebido y los Derechos de la embarazada, para evitar que as mulleres caian na tentación de ter que abortar cando non poidan seguir co embarazo. En fin, por gañarlle a Wert e a un tal Fernández nesa teimosía reaccionaria en desposuírnos das liberdades e dereitos conquistados.


O de máis alá, especializado en minguar os dereitos individuais para amansarnos de balde, e o de máis acá, experto en fochicar nos colectivos para chafarnos a identidade. Ámbolos dous escolantes do falsario e acérrimos de 'lo vernáculo' e da España 'una y trina' para que poidamos disfrutar do pracenteriro colorido do arco da vella todos os días do ano.


Ah! O meu tío Lisardo leva tempo barrenando coa idea de montar un choio para vender online un xabón anticaspa que ten patentado, e chafarlle o negocio a eses carcas que gastan tempo e cartos, pretendendo lavarnos a cachola con augas mortas, para que vaia podrecendo pouco a pouco a casca, ata que ince un rosario de vareixas bulideiras que nos invadan os miolos in saecula saeculorum.

Te puede interesar