Opinión

INSACIABLES NO LAMAZAL

Nuestras vidas son los ríos


que van a dar en la mar,


que es el morir;


allí van los señoríos


derechos a se acabar


y consumir.


(Jorge Manrique, Coplas a la muerte de su padre)




Querido sobriño: Que queres que che diga? A min, un fulano que renega da súa propia caligrafía, non me parece un tipo de fiar, por moi peiteado e lambido que vaia pola vida.


A don Luis Bárcenas Gutiérrez, presunto amigo de Rajoy malgré lui, faltoulle un nada para que un íntimo de Aznar, don Miguel Blesa de la Parra, lle dese a venia, na mesmísima porta do cárcere de Soto del Real. Non vaias pensar que me sae de moca manter boas relacións cos mellores sopróns que manexan o cotarro dentro do trullo. Teño que estar ao tanto do que fan dentro os señoritingos que frecuentan con asiduidade este tipo de establecementos. Xa verás como non han tardar en dispor de salas axeitadas, para celebrar as súas xuntanzas, os sanedríns das altas confrarías do país.


Grazas aos meus contactos sei de boa tinta que o primeiro que fixo, ao entrar na cela, o samesuga que contaba os billetes no partido da gaivota, foi achegarse á buratiña para ver se presentía o alento dalgún camándula deses que tantos favores lle deben. Ao non albiscar a ninguén de confianza nos arrabaldes da prisión, agás uns vultos que confundía con Urdangarin ou Matas, comezaron a tremerlle as pernas, porque pronto se decatou que os amigos que agardaba son socios distinguidos do ilustre gremio do 'si te he visto no me acuerdo'. Entón mudou de parecer e chamou polo carcereiro para saber de Javier Guerrero -o dos ERE andaluces-, e xa non estaba alí. Interesouse por un que lle chaman 'o Bigotes', e xa non estaba alí. Finalmente quixo saber que fora dun tal Correa, e tampouco estaba alí.


Xa rendido decidiu deitarse, sen prender no sono, a causa do insomnio que se lle agarrou ao pescozo coma unha carracha que nono deixaba bafexar, obrigándoo a dar voltas e voltas enriba do xergón de follo, ata que o pobre home acabou soñando desperto coa versión ?en negro- da película de Scorsese, 'Uno de los nuestros'. Finalmente veu en si, por mor do susto que levou ao ver a sombra dun tal Gerardo Díaz Ferrán, e quedou teso coma un pau da luz.


Ah! A propósito do enigma de Bárcenas, por moita álxebra que manexemos, haberá que conformarse coa teoría do díxome-díxome, ideada para alimentar a curiosidade do vulgo; porque a resposta 'científica' só poderán descifrala os que cortan o bacallau nas altas esferas. Tamén existe unha versión oficial. Trata o caso coma un fenómeno paranormal e foi argallada para embobar aos incondicionais de don Mariano e dona María Dolores, empeñados en non pronunciar en público o nome do fulano, aínda que na intimidade todos o alcuman co do macho da cabra, a pesar da amizade que os manterá unidos in saecula saeculorum.


Moitas apertas. Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar