Opinión

A MISERIA QUE NON CESA

A inxustiza é humana, pero é máis humana


a loita contra a inxustiza.


(Bertolt Brecht)




Parece tan cedo que os artefactos automáticos sequera tiveron a ousadía de mitigar a absurda intensidade dos faroles nocturnos, para podermos distinguir a luzada da noite da clareza do día. Non hai présa! Aínda podemos gozar ulindo o agradable frescor da humidade, coma se acabase de escampar dunha saborosa treboada, por mor da regadura rutineira nas rúas, á rompida do día. Reina un silencio baldío, unha ausencia de barullo, que permite escoitar con nitidez as bruscas pisadas femininas do paso apurado que fai estralar os tacóns contra as baldosas das beirarrúas, coma se alguén non dese chegado a tempo ao seu destino.


Un camión coma unha mole creba a plácida quietude invadindo os carrís de circulación da miña rúa, mentres se xacta de posuír sofisticados mecanismos que lle axudan a engulir as moreas de porcallada que fomos capaces de fabricar nun tempo récord, nos nosos domicilios. Outro camión -tan descomunal coma aqueloutro- fai manobras diante do supermercado para descargar toneladas de comida perfectamente clasificada. Ámbolos dous, confabulados á mesma hora, para interromper adrede o tráfico no lugar, despreocupados da présa que teñan ou deixen de ter os autómatas dos turismos que comezan o albor abouxando aos transeúntes coas súas estúpidas bucinas. Todos conxurados para lles axudar, aos que cortan o bacallau, a converternos nesa especie de mequetrefes adestrados, empostos a aturar e danzar ao son dos insaciables mercados afeitos a facer de nós as cabras do maldito circo cotián. Maldita fartura!


Mentres, a coitada señora María, arrimada á parede, observa atentamente aos apampados que pasan devagar, coma se nada lles importara, a piques de clausurar a orxía da noite do xoves, tratando de suxeitar o corpo, apoiándose uns nos outros para camiñar como poden, para non ter que domearse coma vimbios zarandeados polo vento da noite interminable.


A señora María, incapaz de erguer a vista do chan, agarda resignada ata que lle encomenden algún recado a cambio dunha mísera esmola. Cando se cansa de estar fóra, ponse á espreita ao pé das caixas do supermercado, para carrexar bolsas de plástico cheas de viandas, propiedade dalgunha señora enfeitada -ou doente do lombo- que non precisa formalizar ningún contrato de traballo. O seu apoucamento -e a lexislación vixente- non lle autorizan pórlle prezo ao traballo prestado. Coma se a señora das costas delicadas -ou a dos dentes tinguidos de carmín barato- gozasen dunha especie de bula papal que lle permite requirir os seus servizos de balde, sen ningún tipo de trato. Maldita fame!


Ah! O meu tío Lisardo anda a pescudar canta xente sen traballo falta por rexistrar nas listaxes do paro. Cantos padecen as penurias causadas por gobernantes enxaugados que pretenden embobarnos, deixando fóra das estatísticas oficiais aos que non contan para nada.


Felices festas, ou como diantre lle chamen!

Te puede interesar