Opinión

NON É OURO TODO O QUE RELUCE

'Que as coisas sejam realmente o que parecem ser E não haja nada que compreender'.


(Fernando Pessoa,


O gardador de rebanhos, XXXIX)




Querido sobriño: Espero que ao recibo da presente estedes ben de saúde. Nos andamos algo preocupados por ese turbio asunto de Lionel Mesi. Din que non cumpriu coas súas obrigas fiscais. Pois se debe que pague, che! E eses mandamais que andan na boca de todos, por non tributar polo que cobran por adiante, por atrás e de lado, que apanden tamén!


Eu penso que, máis cedo ca tarde, as augas tornarán ao seu leito e todo quedará nun erro máis, deses aos que nos teñen tan empostos os nosos xerifaltes nos últimos tempos. Aca en Bos Aires estamos convencidos de que, finalmente, o desacougo acabará en algo semellante ao pesadelo que tivo que aturar a vosa Cristina por mor da torpeza da tropiña de Montoro, obstinada en aporlle á Infanta a venda de trece leiras que nunca foran dela.


E se no mercado houber mentes máis retortas da conta, só teñen que lembrar aquela xaculatoria do titular da Corona, 'a xustiza é igual para todos', totalmente vixente, a pesar das turbulencias -atmosféricas- que nos deparou a pasada primavera. 'Salvo alguna cosa', que diría don Mariano.


E digo máis. Se por casualidade aflorase algún xuíz, tratando de atopar bulleiro onde non o hai, para enlamar á xente elegante, pronto asomará o fociño algún fiscal patriota para facer valer o interese xeral diante das veleidades dos Castros, Silvas e demais tocagüevos, empeñados en ignorar que os asuntos do Estado sempre están por riba da xustiza.


Con xuíces así a ninguén lle debería parecer mal que ese amigo de Aznar, o imputado señor Blesa, aproveitase a saída do trullo, lucindo chambra de tea de mantel portugués, para clasificar ao corpo xudicial en dúas categorías, os imparciais e os parciais.


Obviamente, un señor tan importante, de recoñecido prestixio social, a dicir do fiscal que o defendeu diante da xudicatura, ten todo o dereito do mundo a reivindicar que o xulgue un xuíz imparcial. Os parciais están para xulgar aos plebeos ou, no peor dos casos, a don Gerardo Díaz Ferrán, aquel que se beneficiou do préstamo de Caja Madrid, mercé á 'parcialidade' do que agora reclama para si un xuíz 'imparcial'. Hai que goderse co fulano!


Ah! Aínda así, debemos ser transixentes e agradecidos con estes prebostes -ou paxaros- que tanto teñen feito polo ben e polo progreso de España, a pesar dos sablazos deses espertos en finanzas que mercaron as preferentes e subordinadas, pretendendo botar pola borda o esforzo de toda unha vida de tanta xente de ben, coma ese Blesa do nabo. Mirá que sos boludos, pibe!


Unha aperta moi grande. Lisardo Quintas Teixeira.

Te puede interesar