Opinión

PADAIS ENTREGADOS

'Podes pegarme. Podes tirarme ao chan,


mesmo cuspirme e mexarme.


Mais, por favor, non me aburras'


(Clint Eastwood, 'O Sarxento de Ferro')




Oseñor Mariano, cuñado do meu tío Lisardo, sempre foi un agarrado do nabo ?ou non, depende?. A verdade é que, por aforrar saliva, nin sequera saudaba á xente. Tiña fama de mercar uva foránea e barateira, para facer o seu propio viño. Por certo, moi parecido a aquel turbio do Ribeiro que tiña tan mala fama, a pesar de que se bebese tanto.


Nunha ocasión, antes de que o meu tío marchara polo mundo adiante, por mor daquel delicado asunto que lle fixo pór terra e auga polo medio, tiven a oportunidade de acompañalo para catar o metílico do seu cuñado Mariano. Como o meu tío, cada vez que tiña ocasión, afeábao canto podía, espetándolle na súa propia cara que fose tan aforrador; nunha ocasión o cuñado pillouno por sorpresa, mentres botaba a partida, desafiándoo a que deixase as cartas e fose canda el probarlle o viño á súa casa.


O tío Lisardo guindou as cartas que tiña na man, erguida coma un alustro, fíxome un xesto para que o acompañara, e díxolle: Vamos! Ao chegarmos, colleu un caneco, encheuno de viño, e mentres llo acercaba, esixiulle que non dera unha soa palabra mentres el estivese diante. O meu tío non lle fixo nin caso e, despois de cuspir, sentenciou: Este matute está picado, Mariano! Semellante desprezo sentoulle ao anfitrión coma unha patada nas súas partes, e acusou ao convidado de carecer de padal por non apreciar aquel viñazo. (O meu tío tiña razón, era vinagre!).


E como non hai dous sen tres, despois de que uns e outros lle porfiasen tanto, o día un dos correntes, o señor presidente do Goberno de España foi ao Parlamento para falar do tal Bárcenas e dicirnos o que xa sabiamos, 'Le apoyé, creí en su inocencia y me equivoqué'. Das argalladas que os dous -e algún máis- traían entras mans, nada de nada.


Vaia! Estoutro Mariano, o auténtico, o que xa se acorda de que o seu amigo Luis se apelida Bárcenas, ten o padal tan emposto a empinar a diario ese estilo turbio e lixoso de entender a política, carente da mínima limpeza aromática, que mesmo goza con ese gusto insulso, ata o punto de pretender convencernos de que a política mentireira e repugnante, aburrida e case vomitiva, deshonesta e matuteira, tamén procede de cepas de calidade, a pesar de que haxa quen pense que este pillabán está empeñado en emborracharnos con vinagre.


Ah! A coincidencia no nome, e mesmo nos feitos, do señor Rajoy e do irmán político -ou cuñado- do meu tío Lisardo, non é máis ca un produto da casualidade, a pesar de que ámbolos dous se chamen Mariano, a pesar de que os dous teñan o padal talmente estragado, un para o viño e o outro para ocupar algún cargo.

Te puede interesar