Opinión

A PATRIA DESVALIDA

Hai cousa de vinte días, o xornal La Región traía na portada unha fotografía ben expresiva, chea de simbolismo. Refírome ao retrato tan atinado de J. Fariñas no que aparece un albanel, paleta e esparavel na man, levantando un muro de ladrillos dende o interior da boca do túnel do AVE, en Miamán. Outra vez, o agoiro que nos persegue ao longo da nosa Historia, coma sempre, para frear en seco calquera infraestrutura necesaria que, tarde mal e nunca, se lle ocorre meter o fociño polo Padornelo.


A foto non podía ser máis explícita. Retrata un obreiro - posiblemente galego- cun espeso negror de fondo, tapiando sine die o seu propio sepulcro, horas antes de recibir o finiquito que quizais o deixe inhabilitado para traballar na súa Terra o que lle resta de vida. Ten que ser moi duro actuar de cómplice forzoso das decisións dun Presidente do Goberno que veranea nalgún lugar de Galicia e dunha señora Ministra case-galega, que contan co visto e prace de bastantes compadres galegos que esqueceron que eses egrexios persoeiros foran criados expresamente para adoptar as decisións que nos fan estar onde estamos.


Ese sentimento de auto-odio ocupa un lugar preferente nos miolos de moitos políticos galegos, convérteos en auténticos mercenarios do antigaleguismo militante, ao lles consentir aos seus xefes de fila que, cada vez que botan man do BOE, se lle infeste a pluma desa perversidade recentralizadora que os obriga a depurar coidadosamente as normas que ditan, ata deixalas limpas de calquera meigallo sospeitoso de gardar relación coa realidade plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado. A Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, as Medidas de racionalización da Administración, etc. son auténticos Decretos de Nova Planta, que este Goberno vén impelendo, un venres tras outro, para lle pór o ramo a un dos procesos máis recentralizadores que se coñecen dende os tempos de Felipe V.


Mais como ao viren, non veñen soas, a cousa agrávase mercé á aquiescencia activa do Presidente de Galicia, que se comporta coma un auténtico Intendente real, disposto a aplicar os designios da Corte, coa estimable colaboración dunha nova recua de dirixentes populares, aos que o propio Fraga e os da súa etapa autonómica lles custaría barro e fariña recoñecer.


E por se isto fose pouco, o PSOE segue a pensar que a engádega dun 'G' á marca matriz xa é abondo para identificarse co País. Mesmo pretenden convencernos que están dispostos a contrarrestar as políticas centralistas do PP cun chocante breviario, 'Ganarse el futuro. Hacia una estructura federal del Estado', que defende claramente a blindaxe das competencias exclusivas do Estado, a redución das partilladas e foxe ás carreiras da necesaria reforma da Constitución, do Tribunal Constitucional e así como de outras necesarias, que permitan camiñar cara ao recoñecemento expreso do Estado plurinacional.


Das forzas nacionalistas con representación no Parlamento tampou hai moito que dicir. Uns, Anova, con Beiras á cabeza e coa actitude expresa do 'elixido', queiman os cartuchos desbaldindo a complicidade social en conformar unha formación política totalmente supeditada á subsistencia do líder, conformándose coa práctica dunha especie de esquerdismo 'de refuxio' dos descontentos, no canto de facer causa da cuestión identitaria, como a mellor maneira de encarrilar a saída da crise en Galicia. Outros, BNG, están obsesionados con marcar as diferenzas cos anteriores, a base de imitalos e de implementar formulacións políticas ? o soberanismo ? que por moi inherentes que sexan ao nacionalismo, hoxe por hoxe, minguan substancialmente a necesaria recuperación da complicidade cos postulados nacionalistas dunha parte necesaria da sociedade galega.


Ah! Nesas andamos, mentres o meu tío Lisardo pregunta cada pouco onde están agochados Anxo Quintana e outros polo estilo, que se cren con dereito a escapar cara ao cadabullo, pensando que é posible agardar ata que escampen estes tempos de simpleza, de penuria e de miseria política, que nos están deixando sen alento ata nos abafaren sen remedio.

Te puede interesar