Opinión

ROÑAN, MAIS NON SE MORDEN

'Es tan corto el amor, y es tan largo el olvido'


(Pablo Neruda, 'Veinte poemas de amor y una canción desesperada')




Aí os temos, tan arrimaditos los dos, para definir xuntos a posición española diante da Unión Europea e pórlle panos quentes á maior crise política que se coñece -despois do Desastre de Annual- fomentada polos dous grandes partidos, o pepé e o psoe, aos que aínda non lles doe a cabeza, a pesar da desafección da cidadanía ante as súas actitudes e práctica políticas dos últimos tempos.


Parece que pasou unha eternidade e aínda foi onte cando Rubalcaba se fartou de pedir a dimisión de Rajoy, por mor daquilo que lle demos en chamar os papeis de Bárcenas. Mais aquel conto xa pasou á historia e agora toca esquecelo todo. Hai que pactar polo ben de España con aquel que, a dicir do propio Rubalcaba, xa tiña que estar criando couza e cheo de teas de araña.


Con esa triste expresión facial, propia do que lle morre un amigo a diario, don Alfredo, luce as súas dotes de tarambaina para representar a pantomima de 'todo por la patria', quentándonos a cabeza ata disiparnos a memoria, pretendendo borrar das nosas mentes calquera significado do tempo que non sexa o que aparece nos mapas meteorolóxicos, ata facernos confundir a temperatura coa sensación térmica.


E como para que haxa pacto -de Estado- cómpre contar coa aquiescencia do gran mestre do 'predícame cura, predícame frade, por unha orella me entra e pola outra me sae', don Mariano non está disposto a permitir que o do pesoe lle dea leccións de comediante. Escóndido detrás da pantalla de plasma fai que non ten présa, agardando que o outro deixe de trapelear e recoñeza previamente que o moncloíta é tan incólume coma o brazo de santa Teresa. Salvo alguna cosa.


E nesas andamos. Todo está listo para que don Alfredo e don Mariano deixen de cuspirse entre eles para convencernos de que pacto e trato teñen o mesmo significado, e de paso escribir xuntos os máis exquisitos capítulos sobre a posición da súa patria ante a Unión Europea. Merkel e Holande xa tremen coma xuncos!


Ah! Ao meu tío Lisardo non hai quen lle quite da cabeza que, se estes dous bailan o arrimado, hai roce. E se hai roce, a güevos ten que haber 'toma y daca'. E se hai pacto é porque antes houbo trato. Se pactan a posición en Europa, tamén será dos dous a Lei da Transparencia. Mais como antes ten que haber trato, malo será que non nos esgacen co Decreto dos Asuntos Opacos: Bárcenas, Gürtel, ERE andaluces, Ana Mato, Urdangarin, Bankia, Blesa,..., só formarán parte da estupidez e da fantasía de catro chalados.

Te puede interesar