Opinión

O SEU NOME FEDE A PÓLVORA, MR. OBAMA

El general se diferencia del verdugo solamente


en que el general tiene la letra más bonita.


(León Felipe).




Nos últimos meses, o señor Obama xurou e perxurou que Bachar El Asad era un criminal de moito coidado. Dende hai uns días, despois de convencer aos do G20 de que o pillaran usando armas químicas, mudou totalmente de parecer. Agora, este paxaro, xa nin sequera é o culpable da guerra de Siria, é un irresponsable que non pode seguir gobernando.


Equivocáronse outra vez os suecos encargados do Premio Nobel da Paz cando lle concederon o galardón a un presidente americano. Mal pensaron os do xurado que o tal Obama utilizaría o pergamiño, de tan digna condecoración, para fabricar os balotes dos tiracoios cos que lle disparan ás pombas brancas que voan cun ramo de loureiro no pico, no canto de empregalo en lle garantir que cheguen vivas ao seu destino, poñendo os medios necesarios para que a a palabra paz signifique algo máis ca unha bóla de fume que usan os mandamais para encher a boca cando non teñen outra cousa que dicir sobre as guerras que eles mesmos provocan.


Xa hai tempo que o nome do excellency Barack Hussein Obama II fede a pólvora. A súa conduta fede que alcatrea, o mesmo có proceder dos excelentísimos lambecricas que, en canto chegan á cúspide, fártanse de facer alarde dunha hipotética soberanía dos Estados que representan, cando en realidade camiñan azorrados para comportarse coma auténticos lambecús dos amos de sempre, convencidos de que a súa biografía carecería de sentido se non houber constancia fidedigna de que, mentres pintaron algo, contribuíron coa firmeza necesaria ?e co diñeiro público tan escaso para as cousas importantes- a empurrar algunha que outra guerra nalgún país de cidadáns de terceira categoría, fartándose antes de argüír, tratando de convencernos de que, a matanza de inocentes, é inevitable para que a paz sexa posible, cando realmente a súa única preocupación reside na defensa dos intereses, e só niso, dos que mangonean a cabeza, os brazos e as mans dos debuxantes de mapas.


Eu non sei moi ben quen lles carrexa de balde as armas ?ou quen llelas vende a prezo de saldo- aos sirios que están fartos de padecer e sufrir os crimes dun carracha coma Bachar El Asad. Mais teño as miñas sospeitas. Tampouco sei quen son os tratantes de material bélico que fan suculentos negocios co deleznable ditador de Siria. Máis non é preciso ter moitos estudos para sospeitar que son os mesmos samesugas que acirran nos rebeldes para regar coa súa sangue ?e coa dos veciños- as poeiras que transforman en bulleiro perdurable aos cidadáns sirios que, sen comelo nin bebelo, acabarán cambiando de amo para seguir sendo os mesmos escravos.


Ah! O meu tío Lisardo está abraiado polo comportamento do noso Presidente que se apuntou á algarada belicosa, a cambio de que o americano lle dea unha palmadiña no lombo e lle permita gabarse de ser un alumno aplicado. E nos seguimos aquí de papaleisóns!

Te puede interesar