Opinión

OS TRAPOS SUCIOS E O PACTO DE BACO

'Levadeiro é o labor cando moitos comparten a fatiga' (Homero).




Omeu tío Lisardo armaba un barullo de moito nabizo, acusando de mal educado e marrán ao seu veciño Baldreo, pola maneira que este tiña de fungar os mocos, apertando fortemente o naríz cos dedos índice e polgar, disparándoos con forza ata estrelalos contra o chan. A resposta do Baldreo non se facía agardar, advertíndolle ao meu parente que o auténtico porco era el por gardar no peto as secrecións das membranas mucosas, envolvéndoas no pano da man despois de soalas ben soadas. Como un non pode permanecer impasible ante debates de tan alto nivel e relevancia, debo confesar que, nesta ocasión, estou de acordo coa postura do Baldreo e non coa do meu tío Lisardo.


Airear os trapos sucios, defender a transparencia, mesmo naquelas pequenas cousas que gardan relación coa res pública, é inmensamente san e, por suposto, necesario. Mais debería ser tarefa de todos, evitar que as minucias eclipsen as grandes falcatrúas ás que algúns ?non tantos como parece- nos teñen empostos nos últimos tempos. Daquela, gastar antibióticos para curar un catarro non debe supor a dilapidación do antídoto, sempre e cando lle prestemos a atención debida á tuberculose do pulmón.


Darlle corda ao asunto dos douscentos e pico euros gastados polo grupo municipal socialista na operación 'Gin-tonic-na-casa-do-compa' non debe eludir a saída á palestra das facturas coas que apoquinaron os da Gürtel no casorio do xenro de Aznar ou no aniversario dos fillos do marido da ministra de Sanidade; ou da pasta que seica lle tocou na tómbola ao artista que casou coa filla do monarca; ou eses sobres con mosca que Bárcenas lle arrimaba por atrás aos pobres xerifaltes mileuristas do partido de Rajoy.


Neste ruxerruxe, provocado pola festiña dos concelleiros socialistas, non podemos ficar satisfeitos con que uns pidan perdón e devolvan as catro cadelas malgastadas, mentres os outros fan mutis polo foro sen contarnos, con todo detalle, en que gastaron eles os cartos que proceden da mesma partida orzamentaria contra a que se pagaron as caralladas do partido do alcalde.


Ah! Estamos contentos coma cucos porque os nosos edís foron capaces de pór a amolecer as súas brincadeiras na casa grande da praza Maior, asinando ipso facto o 'Pacto de Baco': 'Non se financiarán con diñeiro municipal bebidas alcohólicas distintas do viño das celebracións tradicionais'. Vale!


Mais, agora que xa aprenderon a pactar cuestións tan relevantes para a veciñanza, sería desexable que fosen capaces de pórse de acordo na procura de solucións para os pequenos problemas desta cidade: reivindicar xuntos o AVE que nunca chega; pactar as estratexias en termalismo; reclamar que rematen as obras de san Francisco; esixir a reapertura do Museo Arqueolóxico... e algunhas outras cativezas sen importancia para os ourensáns.

Te puede interesar