Opinión

A VIAXE SEN RETORNO

'Dúas cousas son infinitas:


o universo e a estupidez humana;


e eu non estou seguro sobre o universo'


(Albert Einstein).




Omeu tío Lisardo -que é algo armadanzas- grazas as súas excelentes relacións cun informático da NASA, conseguiu facerse cos nomes dos españois que se alistaron para emprender esa viaxe a Marte, na que só che venden o billete de ida.


O caso é que inicialmente non lle dei maior importancia ao conto ata que, unha tardiña, mentres uns amigos e máis eu lle faciamos as nosas reverencias a unha botella dese godello de Monterrei que tanto nos gusta, un dos meus contertulios -e sen embargo amigo- non deixou de darme a tabarra ata convencerme de que chamase polo celular ao meu tío para que nos informase se o Alcalde capitalino e o seu alter ego ?o voceiro do principal partido da oposición- figuraban na lista dos escollidos para viaxar, sen dereito a retorno, ao telúrico Planeta vermello.


Despois de lle apertar as torcas ben apertadas ao meu parente para facerlle cantar se os nomes dos insignes munícipes ?don Agustín e don Rosendo- estaban entre os once aspirantes a marcianos, conseguimos saber, polo mesmo prezo, que nin eles nin os voceiros das outras dúas formacións que operan na Consistorial, figuraban entre os electos para tan ardua viaxe.


Tamén debo confesar que, ao coñecer a agradable resposta, levamos unha alegría máis grande ca do propio ministro Margallo cando soubo que unha infanta de España fora 'desimputada', como dixo un coñecido diario madrileño.


A nosa satisfacción por ver confirmado que na extravagante lista non aparecen os nomes dos ilustres políticos locais non ten outra explicación ca de poder seguir disfrutando dos interesantes debates que nos brindan aos ourensáns, no número un da praza Maior, sobre a diferenza entre a Fockink e a Larios. Daquela, máis cedo ou máis tarde, acabarémonos decatando se é politicamente máis correcto mercar, a cargo do erario, as botellas de Larios nun supermercado e empinalas a pelo na casa dun compa do partido, con música salseira de fondo, ou adquirilas, con cargo á mesma partida orzamentaria, nun restaurante en forma de cubatas de Fockink, acompañada coa cuarta sinfonía de Beethoven.


Ah! Xa que mañá é o Día das Letras Galegas, o meu tío coméntame que lle vai reclamar aos da Real Academia Galega que lle dediquen o ano que vén a todos os camareiros que, cando lle pides un café con leite, son capaces de resistir sen responderche, un café con leche? E o seguinte aos curas que cren que Deus entende o galego. E o seguinte ao seguinte aos funcionarios que, ao dirixirse aos cidadáns galegos, o fan primeiramente na lingua dos seus antepasados. Pois iso.

Te puede interesar