Opinión

WERT PARA CRER, SEÑOR WERT!

'Soy como un toro bravo que se crece con el castigo'


(José Ignacio Wert Ortega, ministro de Educación, Cultura y Deportes).




Querido sobriño: Tiña pensado preguntarche se xa fixestes a matanza e se saíron bos os porcos. Xa sei que me vas dicir que non tiveron unha hora de mal e que foi a mellor ceba dos últimos vinte anos. Mais este asunto dos marráns ímolo deixar para outra ocasión. Do que quero falarche realmente é da 'Ley de Mejora de la Calidad Educativa', ou máis ben de quen aparenta asumir a súa paternidade: un tal Wert ?José Ignacio Wert- que ocupa o cargo de ministro de Educación, Cultura y Deportes.


Se queres que che diga, a min non me chista nada a forma de mirar dese señor que recibiu a encomenda de retrotraernos á época de Maríacastaña, aos tempos máis rancios da historia de España e que anda alardeando, nos seus lugares de alterne, de ser un touro bravo que se incha cando lle quentan as costas. Cada quen pode presumir do que lle pete, mais acá na Arxentina coidamos que o fulano en cuestión é realmente un xabarín que aproveita a noite para arrasar todo o que pilla por diante. Tanto lle ten estragar unha leira de millo que verdea harmoniosamente como facer o imposible para afogar as linguas minoritarias do Estado ou minar a educación pública para favorecer a concertada e así satisfacer aos seus auténticos amos.


A actitude deste tipo de personaxes non ten nada que ver coa dun touro bravo que, faga o que faga, sempre desprenderá un certo aire de elegancia e polo tanto non hai queixa que darlle. Como digo, a súa maneira de comportarse é máis propia dos xabaríns que aproveitan a escuridade e a calma da noite para destruír porque si, para facer mal, sempre para facerlle dano a esa crase de 'culpables' que non teñen culpa de nada.


Ese tipo de xente leva o medo metido no corpo e non soporta que os demais aprendan a vivir libremente, e revólveselle o estómago cada vez que desconfían que a realidade plurinacional, pluricultural e plurilinguística do Estado pretende adquirir carta de normalidade.


Ah! A idea do ministro Wert de orixinal non ten nada! Os auténticos autores son o conselleiro Vázquez e o presidente Feijóo que xa levan catro sentencias en contra da súa política lingüística e aquí non pasa nada de nada!


Unha aperta e felices festas! Lisardo Quintas Ferreira.

Te puede interesar