Opinión

34 horas en tren

Podería ser unha película tipo "Asasinato no Orient Express" ou algo así, pero non é máis ca unha pequena lección de historia que recibín hai uns días e que me veu a pechar unha incógnita que había tempo que mantiña aberta, gracias a que a Rede é un saco cada vez co fondo máis fondo e de cando en vez fai regalías coma a que vou comentar de seguido.

Resulta que nunha carta que no mes de febreiro de 1889 lle escribe Manuel Curros Enríquez ó seu amigo na distancia (o poeta e político portugués Luis de Magalhães e que publicou hai xa uns cantos anos o xornalista tamén portugués, Viale Motinho), ó regreso dunha viaxe que ten que facer dende Madrid a Celanova por mor do falecemento de seu pai, Curros dille a Magalhães que "antes de partir vacilé entre ir a Galicia directamente o hacerlo por Portugal", cousa que sempre me deixou desconcertado por descoñecer que tipo de sistema de comunicación podía haber naquel tempo entre Madrid e Galicia, vía o país veciño.

Esta incógnita desvelóuseme hai poucas semanas, cando a casualidade quixo que chegara á miña caixa de correo un vello cartel (descoñezo a súa procedencia) que en letra de molde propia da época anunciaba a posta en funcionamento, a partir do 15 de xuño de 1882, dun "tren express" con saída diaria dende Madrid e "servicio especial para Galicia", con paradas en "Vigo, Redondela, Tuy, Rivadavia, Orense" e cunha "duración media del trayecto" de 34 horas.

Para completar a información, o cartel recolle un ilustrativo mapa que sinala o traxecto en dirección a Lisboa, por Cáceres -é de supoñer-, ata a cidade de Torres Novas ou Santarem (o mapa non é tan preciso), tomando logo dirección cara o norte a Porto e Vigo e realizando finalmente o traxecto xa indicado e ó que o propio Curros lle compuxera o tan afamado poema no mes de marzo de 1881 cando a locomotora chegou por aquela vía por primeira vez a Ourense.

Non é, pois, o titular que sostén esta columna, o título dunha película de misterio decimonónico nin unha novela negra das alternancias monárquico-republicanas finiseculares de ámbolos dous países, nin nada que se lle parecera.

É o tempo que se tardaba (un día e dez horas do outro) se un quería viaxar en tren dende Madrid a Ourense, porque a alternativa era -non había outra- viaxar en dilixencia.

Velaí cómo, sen querer, conecto coa columna que o pasado sábado lle dedique o señor Homs, para preguntar sen ningunha intención canto tempo se tardaría daquela en facer o traxecto entre Madrid e Barcelona.

Te puede interesar