Opinión

Unha cooperativa

Foi hai pouco máis dun mes cando a escoitei -concretamente no Círculo de Bellas Artes da madrileña rúa de Alcalá, deseñado polo galego do Porriño, Antonio Palacios- e dende aquela bate no meu maxín coma un martelo pilón deses que son quen de, a forza de bater e bater, acabar moldeando o ferro quente.


"Suíza es una cooperativa". Quen así de rotundo se expresou perante un nutrido auditorio formado por xentes do sector da cultura de toda a península que deveciamos por coñecer fórmulas posibles de xestión no ámbito diso que se ten chamado agora "industria cultural", foi ninguén máis e ninguén menos có embaixador dese país en España, Thomas Kolly, facendo de presentador dunha responsable da empresa Migros, que polo que logo explicou a súa directiva, ven a ser algo así como El Corte Inglés suízo, pero no ámbito da xestión educativa e cultural e que na actualidade emprega a 87 mil traballadores baixo os principios organizativos dunha cooperativa.


Suíza é unha cooperativa, quedei repetindo durante toda aquela xornada, sorprendido polo inmenso caudal informativo que sobre unha organización social abrangue unha frase tan sinxela.


É certo, ó seguir pensando niso caín na conta de que incluso un país pode funcionar -e moi ben- baixo o marco conceptual e baixo os principios de compromiso colectivo que rexen nunha cooperativa se todos cantos forman parte do proxecto teñen as ideas claras. Principios que na nosa provincia teñen un nome por bandeira como é o de Eulogio Gómez Franqueira, que agora se encarga de exponenciar o seu fillo Manuel xunto cun equipo no que sería inxusto obviar o nome dun ourensán, non de "nacencia" pero si de "pacencia", como é o de Emilio Rial.


Din os titulares do día, "Coren prevé crear 300 novos empregos...", e eu, como calquera ourensán de ben que quere seguir vivindo nesta terra e desexa ferventemente que as súas fillas continúen facendo dela un lugar para viviren tamén elas e os que as sucedan, non podo menos ca sentir orgullo de ourensán ó mesmo nivel ca se formase parte activa do proxecto cooperativo.


E entón chega ó meu maxín un corolario que comparto con vostede, benquerido lector, por se serve de mecha para alumear conciencias: Se Suíza -que é un país admirable- consigue selo con acenos de cooperativa e se aquí temos exemplos coma Coren, que sentan cátedra, día a día, sobre como seren líderes en cooperativa, por qué non tomamos nota dunha vez e colaboramos, cada un no noso ámbito, para que Ourense sexa unha gran cooperativa social que terá futuro só dun

Te puede interesar