Opinión

Crimes e castigos

Vaia por diante que dou por suposto o que todos damos por suposto dende o mesmo día no que se coñece un crime, sexa da entidade que sexa. É dicir, que a policía, a garda civil ou calquera outra forza de seguridade do Estado, precisa do seu tempo para poder desembeleñar o fío que normalmente acaba embeleñado cando se produce o deceso e que, moi a miúdo os nós que adoitan aparecer atados e ben atados, son, con demasiada relativa frecuencia, moi complexos de desatar.

Digo isto, ó fío -permítame a redundancia- das declaracións realizadas polo entorno da ourensá de Rabo de Galo, Socorro Pérez, que dende hai algo máis dun mes permanecía en paradoiro descoñecido, aínda que as circunstancias que rodeaban o caso facían temer un desenlace semellante ó que finalmente tivo lugar.

Pediron -como loxicamente era de agardar- os familiares de Socorro Pérez, a rápida resolución do caso para poñer ó autor ou autores do homicidio ó recado inmediato da xustiza e que pague así -ou paguen- o castigo que merezan, por máis que ningunha sentencia xudicial -nin sequera a condena a morte, se é que a houbera- lle vaia devolver a vida á pobre muller.

Ou sexa, que pediron o mesmo que familiares e veciños de don Adolfo -o cura de Vilanova dos Infantes- levamos pedindo dende a mesma tarde do pasado 10 de marzo, no que o seu corpo apareceu, disque apaleado, nun pendello da reitoral, desaparecendo, ó mesmo tempo, a pequena imaxe da virxe do cristal, tan apreciada por todo aquel que algunha vez na súa vida logrou vela de preto ou incluso tela na man.

É evidente -e eu repito que xamais porei tal cousa en dúbida- que a garda civil e os especialistas en crimes contra o patrimonio que seica viñeron de Madrid están poñendo a súa máxima atención na procura da resolución destes tráxicos decesos e que a veces, cando maior silencio, máis capacidade de resolvelo terán os que están á fronte da investigación.

Ora ben, do mesmo xeito que todo iso é lóxico, non me dirá vostede, benquerido lector, que non ten lóxica tamén, o que vou escribir de contado: Poida que unha desexada solución para a aparición da pequena imaxe vítrea sexa certamente complicada porque sendo do tamaño que é e do material do que está feita, calquera lugar serve para facela desaparecer. Mesmo unha pedra contra outra con algo de forza vale ben para fendela en mil anacos. Pero, o asasinato de don Adolfo... Iso xa é outra cousa. Porque, sinceramente, o que si non creo é que aquela noite de marzo chegara a Vilanova un sicario hiperespecialista, matase a un home nun pendello e fixera un auténtico estropicio nunha casa vella sen deixar unha soa pegada del.

Por iso resulta preocupante tanto silencio, tres meses despois do suceso. E por iso mesmo creo que xa vai sendo hora de que alguén saia a explicar por qué.

Te puede interesar