Opinión

Un deputado afrancesado

Écerto que a estas alturas da "película" a capacidade de asombro colectivo que temos interiorizada -sobre todo no ámbito da vida política- roza o infinito, polo para que algo nos poña os ollos coma platos ten que superar á imaxe dun bebé "tomando" posesión no hemiciclo ou a dun dueto entre Patxi López e Celia Villalobos dende a mesa do Congreso e facendo un karaoke coa canción de Sergio Dalma "Bailar pegados", que foi a única que eu logrei cantar algunha vez diante dunha pantalla de televisión cando os karaokes estaban tan de moda.

Sen embargo (e dirá vostede, pois a min non me pareceu para tanto!), a miña capacidade de alucinación por sobredose de traspés políticos chegou ó límite onte pola noite cando escoitei a un deputado do PP -Rafael Hernando, dis que se chama- falando das víctimas do Alvia na véspera do día de Santiago en Compostela (que aínda a moitos nos apreta o corazón cada vez que pasamos polas inmediacións da curva da Grandeira), pronunciando o topónimo da aldea onde sucedeu a desgracia (Angrois) cunha pronuncia francesa (Angruás) que me fixo revirar na cama coma se me picara un enxame de avespas, para poder corroborar que o que estaba oíndo era real porque estaba esperto e non era un deses pesadelos que de cando en vez colonizan a un no medio da madrugada e xa non o deixan descansar ata que o son do espertador o libera de tan incómodo atadallo.

Si, xa sei que o home pode ser moi viaxado el, e incluso francófilo xacobino. Que puido facer o bacharelato por francés e mesmo estudar na Sorbona, que non o sei, nin me interesa. É máis, é posible incluso que fora un simple desliz provocado pola pedantería parlamentaria -porque agora xa non hai termo medio, ou es un pedante redomado que non te entendes ti mesmo ou te cagas na nai que pariu ó de enfronte- e froito desa pedantería lle saíra o afrancesado co que todo pedante que se prece vive de compañeiro.

Xa sei todo iso... E non o desculpa, porque preto dun cento de víctimas mortais e non sei cántas con secuelas, por moito que o accidente tivese lugar no "extrarradio" (é dicir, alén dos límites que para un político de Madrid supoñen o centro do mundo e que me dá que non pasan, no seu caso, de Guadalajara), non poden ser obxecto de tamaña veleidade parlamentaria sen que nos dous minutos seguintes se puxese a pedir desculpas coma un tolo polo desprezo que implicitamente o impropio afrancesamento conleva.

Pode que a estas alturas, benquerido lector, estea pensando que é certo que meteu a pata, pero que eu estou sendo un pouco inxusto con el. Pode...

Agora ben, eu, de min a el, na primeiro fin de semana que tivera libre collía o tren a Santiago -que lle sae gratis como deputado- e achegábame ata Angrois para pedirlles perdón. Ós veciños da aldea e á memoria das víctimas.

Te puede interesar