Opinión

Deus vaia con ela!

Deus vaia con ela! E, se por min fose, faríao para non volver, porque, sinceramente, o seu desenvolvemento (e non só no plano máis local, senón a tódolos niveis, dende a reunión máis humilde de barrio, á máis aforada praza de touros) constitúe, cada vez con máis elocuencia, un insulto á intelixencia.

Por iso de ser xornada de reflexión -outro insulto, neste caso con rango de lei, á intelixencia-, non me vou centrar en ningún caso concreto -ou si-, senón facer, precisamente, unha reflexión que chegue finalmente á conclusión da exclamación coa que comecei esta columna.

Deus vaia con ela! Deus nos libre -cando menos, por un tempo- doutra, porque a capacidade de asunción de insultos, disparates e arroutadas por xornada, que a masa gris dun ser humano é capaz de asumir, desta volta acadou límites certamente nocivos para a nosa saúde democrática, razón pola cal, de aquí ata que teña lugar a seguinte, eu propoño que se cree e se regule a figura da "imputación inhabilitante", de contado, para todo aquel -ou aquela- que utiliza o todo vale -a táboa rasa- da campaña electoral para soltar barbaridades coma esputos sen o máis mínimo cargo de conciencia.

Deus vaia con ela, rediós! Deus nos deixe descansar de aldraxantes insinuacións prostibularias, de suntuarias eclosións transformadoras de cidades e pobos, que non son máis ca ensoñacións momentáneas provocadas por iluminacións laicamente divinas. De ofensas e contraofensivas cos medios de comunicación e as redes sociais como cooperadores necesarios.

Deus vaia con ela! Por fin! Pois, nesta ocasión, polo menos a min, saturoume como nunca me saturara.

E se quere que lle diga a verdade, por máis que a moitos dos que forman parte desta sociedade relativista -e, polo tanto, tamén culpable por permitilo- poida parecerlle inocuo, se algo me pareceu especialmente insultante para a nosa intelixencia foi esa sorte de relato de charlatán de feira que durante estes quince días foi sementando por diversos lugares do mapa aquel que si di que desexa ser -aí é nada!- presidente do goberno España,.

Cómo alguén -pregunto-, pode chegar a tal nivel de incompetencia para inventar unha historia e repetila por aquí e por acolá diante de ducias e ducias de cámaras e pensar que non o van coller en tan chabacano renuncio.

Deus vaia con ela! Coa campaña electoral, digo. E para poñerlle o ramo, que o mentor de Juana, Verónica e Valeira lles pida disculpas a tódolos correlixionarios que asistiron ós seus mitins, por estafar dun xeito tan burro as súas crédulas conciencias. 

Te puede interesar