Opinión

Un equipo son once

Vistos así, tal como os colocou as fotografías este mesmo xornal, abrindo a súa portada, semelláronme os compoñentes -algo fondóns para seren deportistas de elite- da selección galega-mixta de fútbol, sobre todo, logo de ler o titular baixo o cal aparecían as súas diversas facianas, un titular certamente futbolístico.


"Feijóo evita cambios y mantiene a su equipo", rezaba o encabezado, cousa que me levou, precisamente, a pensar en clave deportiva e a decatarme de que se o que non aparecía na foto, é dicir, o propio Feijóo, é o que máis se asemella ó adestrador, non en van el é o que nomea ós "xogadores", é evidente que falta un posto para conformar un equipo de fútbol ó completo e cubrir axeitadamente tódalas parcelas do campo.
É certo que a miña análise crítica estaba xa condicionada por unha columna anterior na que me pronunciaba a favor de que fosen dous xogadores e non un só, os que ocupasen os postos de medio volante e medio pivote, dado que os outros -mal que ben-, por máis que teñan asignados amplos espazos no campo, todos eles cobren unha parcela concreta, xa sexa na parte administración, na de facenda, na de territorio, na de infraestructuras, na de economía, na de sanidade, na de sociedade, na de agricultura ou na de pesca.


É dicir, é certo que a miña idea estaba preconcibida, pero a aliñación (nunca mellor dito) dos nomes das consellerías demostroume que todas elas abranguen un corpo temático propio, pois todas elas poden seren definidas cunha soa palabra que resume o concepto, tal como eu acabo de facer no anterior parágrafo. Todas, menos unha. A de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. E se alguén non concorda comigo, rétoo a que procure -como dicía Manquiña- o concepto.


Velaí polo que eu creo que o equipo non está completo. Porque, se o presidente-adestrador, no canto de nomear a un só conselleiro para Cultura e Educación, nomease a dous, contaría, logo entón, co equipo completo. Pero non o fixo e polo tanto, entendo que o equipo está coxo.


E creo que o equipo está coxo porque hai unha parcela inmensa, que vai máis alá da actividade cultural como simple ocio ou recreo, que debería contar co mesmo rango có resto de parcelas ou conceptos que definen a formación dun goberno.
E creo iso porque ó seren relegados a un segundo chanzo, no tocante os ámbitos de decisión, dous aspectos que se me antollan esenciais para o noso futuro económico inmediato -como son o Turismo Cultural e as Industrias Culturais- non van poderen ser dinamizados coa enerxía potencial e primaria que os mesmos precisan para axudaren a consolidar a definitiva recuperación económica de Galicia.

Te puede interesar