Opinión

Feijóo e o home peixe

orrendo o 250 aniversario do Padre Feijóo, como ben referenda a diario este xornal, permítame, benquerido lector, que o faga partícipe dunha curiosidade histórica que descubrín esta fin de semana no transcurso dunha curta viaxe de visita familiar que fixen a Cantabria.

Os meus familiares e máis eu aproveitamos a xornada sabática para dar un paseo no barco que ó xeito Vigo-Cangas salva a bahía santanderina e unha vez cuberto o regreso, decidimos achegarnos ata a vila anchoeira de Santoña, onde Cantabria empeza a perder o aire montañés para tornar os ventos con acenos vizcaínos. Así o fixemos, loxicamente para dar cabo dunhas anchoas e doutros productos do mar, e de regreso para o casal familiar optamos por coñecer a pequena pero fermosa vila de Liérganes, que se atopa nas portas do verde universo "pasiego" e que por máis que teña viaxado con certa frecuencia a Cantabria xamais tiña formado parte de ningún itinerario ocasional.

Cando iamos de camiño, a miña cuñada, atenta sempre os costumes e aconteceres rexionais cántabros, comentoume que pola vila corría unha lenda sobre un home-peixe que incrementou a miña xa de seu acesa curiosidade (¡cando nos daremos conta de que as pedras sen literatura son pedras sen vida, moi pouco atractivas para o turismo das xentes do común!) e que, deixándonos levar polas impolutas rúas lierganesas, conduciunos ata un pequeno muíño, ó pé dunha fermosa ponte medieval sobre o río Miera, onde se contaba a historia de Francisco de la Vega de Casar, un mozo do lugar que seica pasara toda a súa adolescencia no devandito río ata que a súa nai o enviou a Bilbao para que aprendera o oficio de carpinteiro.

Iso, ata que na noite de San Xoán de 1674 foi bañarse á ría bilbaína cuns amigos e cando se arroxou á auga xa nunca máis volveu. Loxicamente dérono por morto ou, mellor dito, por desaparecido, malia que todos eran coñecedores das dotes para o nado que o mozo cultivara dende rapaz.

Cinco anos despois, uns pescadores que faenaban na bahía de Cádiz viron unha insólita figura no mar que semellaba máis humana ca de peixe, ata que lograron botarlle a rede e souberon da súa procedencia daquela aldeíña cántabra da que ningún mariñeiro andaluz oíra nunca falar.

O caso fíxose famoso na época baixo a denominación do "misterio de el hombre-pez", gracias a que o Padre Feijóo lle deu difusión erudita nacional no Tomo IV do seu "Teatro Crítico Universal".

Loxicamente, alén da fermosura urbana da pequena vila de Liérganes, o lugar quedará para min ensarillado sempre ó "home-peixe" que fixo dubidar ó Padre Feijóo da súa teimuda racionalidade. Porque, como di o adaxio, se a historia non é certa, pero está ben contada, ó final qué mais dá.

Te puede interesar