Opinión

Hoteis? Non, gracias

Levo seguindo cunha certa atención as noticias que se veñen sucedendo arredor da fortaleza de Monterrei e, se quere que lle diga a verdade (e estoume referindo á verdade verdadeira e non á verdade politicamente correcta ou á verdade de manual de conserva, que é a que adoita ser defendida por aqueles que se din para eles progresistas, o cal é unha contradición de seu do tamaño da propia fortaleza), por máis que leo e releo non alcanzo a saír do meu asombro.
 

A primeira cuestión que me suscita este estado de estrañamento é o da constatación -pola vía da interpretación dos textos- de que a Administración poida estar levando a cabo un proxecto de restauración do edificio central do complexo fortificado, dotado cun orzamento de -aí é nada!- máis de 1,7 millóns de euros, sen que aparentemente saiba ou teña unha lixeira sospeita, cando menos, de cal vai ser o uso definitivo que vaia acoller o complexo unha vez restaurado.


Unha intervención arquitectónica sen proposta de futuro -coido eu- enténdese para unha intervención de urxencia. É dicir, para que non caia un tellado, para que non entre auga dentro ou para que unha trabe non lle veña á cabeza a un visitante. Pero, unha intervención de case dous millóns de euros, despois de tantos erros cometidos nas últimas décadas por todo tipo de administracións gobernadas por todo tipo de formacións políticas, contando en moitos casos coa connivencia da propia Unión Europea, desculpe pero non me dá entrado na cabeza que sexa executada sen ter coñecemento dos usos futuros do mesmo, pois, por moito que un crea nas teorías eclécticas, non é o mesmo, nin costa o mesmo, rehabilitar un espazo para destinalo no futuro a unha igrexa ca para que sexa unha discoteca.


Entendo, pois, os devezos do alcalde de Monterrei por saber a que vai ser dedicado o fito arquitectónico, antes de que unha noitiña intúa entre o nevoeiro unhas luces de neón que lle anuncien a próxima apertura dun macro-putiferio.


O que xa non dou entendido tan ben, por máis que siga defendendo que -xa sexa en bantú, en mapuche, en guaraní ou en arameo- cada quen é libre de pensar o que queira, son eses recelos respecto de que o conxunto poida ser convertido nun hotel. E, sobre todo -¡pecado, pecado!-, que ese hotel poida ser de "luxo". Coma se co "luxo", no canto de turistas con alta capacidade adquisitiva viñeran dacabalo a peste negra ou, en forma de vento mareiro, a radiación nipona.


Hoteis? Non, gracias! ¡Non vaia ser que transformemos isto nos "Relais&Châteaux" de Francia e nos decatemos de que iso que chaman turismo pode axudarnos a saírmos da indixencia!

Te puede interesar