Opinión

HOXE, QUE ÉFESTA EN BANDE?

Hoxe, que é festa en Bande, caeu casualmente nas miñas mans un documento que me fixo lembrar un episodio municipal que tivo lugar nesa vila hai xa máis dun ano, contando como protagonista principal co Partido Socialista desa localidade e como protagonista involuntario co escritor nacido alí, Eugenio Montes, cuxo busto quixeron retirar da praza da igrexa os pouco documentados herdeiros de Pablo Iglesias en virtude da pouco afortunada Lei da Memoria Histórica.


Aducían, os concelleiros bandeses - segundo teño entendido-, que era preciso retirar da praza aquela peza polo protagonismo que o prestixioso escritor tivo na fundación da Falange e pola súa activa relación co franquismo.


Pois ben, ó documento ó que fago referencia é unha folla voandeira que Montes editou na imprenta Ferreiro (pai de Celso Emilio) de Celanova no ano 1931, co fin de repartila entre os electores da provincia de Ourense cando presentou candidatura por esta provincia ás Cortes Constituíntes da Segunda República.


Nel, ademais dunha serie de perlas que tratarei de publicar integramente porque retratan cunha insólita clarividencia o nivel medio da elite política actual (poñamos por caso esta: '?Se trata nada menos que de organizar un país y de meter en caja un destino, y esto es demasiado serio para entregárselo a profesionales de la política, a señoritos incompetentes o a gente incapaz'. Ou estoutra: '?Para decir si o no, como un jefe nos enseña, no se va a las Constituyentes. Se va a la directiva de un Casino o a un pequeño comité'), fai unha declaración de principios que creo que os socialistas de Bande deben coñecer, porque seguramente descoñecen, e que di así: '...Yo intervendría, en fin, en problemas económicos de acuerdo con la actuación del partido socialista, cuyo criterio comparto en esta materia en su totalidad'.


É verdade que no seu descargo, os socialistas de Bande poderán dicir que por moito que no 31 pensara así, logo puido terse convertido nun asasino. Pero isto (que si o deben saber) non é (que eu saiba), nin por asomo, certo.

Te puede interesar