Opinión

¡Olé, os teus...!

Vaia por diante unha explicación ortográfica necesaria. Se vostede reparou nos puntos suspensivos do titular e contou que están escritos catro no canto dos tres da regra, non o considere falta de ortografía porque non son puntos suspensivos, senón catro puntos substitutivos por outras tantas letras que debería estaren aí escritas, pero que non escribín por iso da corrección que lle debemos dar á palabra escrita os que temos a sorte de publicar as nosas opinións nun medio de comunicación.

Na noite do domingo, o programa de televisión que dirixe o xornalista catalán Jordi Évole, emitiu unha entrevista a un etarra arrepentido, na que, de súpeto, ó longo de pouco menos dunha hora de "monólogo" -digamos- maxistralmente guiado polas voces e os silencios do xornalista, o etarra presentoulle publicamente unha moción á totalidade ó denominado "conflicto vasco", a case medio cento de anos de mortes innecesarias e de miles e miles de traxedias humanas que, como el mesmo dixo, tardarán varias xeracións en restablecerse, se é que algunhas son quen de restablecerse algún día.

Presentoulle unha moción a todo iso, así como a toda a mitificación que partidos políticos, colectivos sociais e incluso medios de comunicación foron facendo máis grande con cada morto que "caía" nun dos pratos da balanza e que mesmo chegou ó punto de levarnos a pensar a toda a sociedade española que detrás de toda esa "andamiaxe" -termo tamén por el utilizado- había un complexísimo tanque de ideas (think tank) que tiña perfectamente sinalado o horizonte do paraíso terreal.

Se cadra, agora é máis fácil, entendelo, pero pode crerme se lle digo que a min sempre me provocou sarpullido cada vez que lía ou escoitaba nun medio de comunicación o adxectivo "histórico" para referirse a algún xefe dalgún comando da banda, a algún pequeno cabeciña ou mesmo a un comando calquera, sempre e cando tivera -iso si- unha chea de mortos por riba da solapa. Certamente, nunca entendín cómo os medios de comunicación deixaron ocupar ese territorio semántico, como deixaron ocupar -e aínda o están deixando- algún máis.

Por iso me pareceu onte -e digo onte porque ó non tela visto na televisión, puiden vela completa na rede- maxistral a entrevista de Jordi Évole e por iso exclamo no titular ese "¡Olé, os teus ....!

A semana pasada, o colexio profesional de xornalistas de Galicia concedeulle a Jordi Évole -por votación maioritaria dos colexiados- o XI Premio José Couso de liberdade de prensa. Por unha cuestión que podería definir como de "desidia cotiá", eu non emitín o meu voto. Pero, despois de seguida a entrevista e aínda que sexa tarde, non podo senón, exclamar: "¡Olé, os teus ovos!, Jordi."

Te puede interesar